Pestanas principais

O ciclo “Cine con nome de Muller” inclúe a proxección de cinco filmes de relevantes mulleres galegas

Venres, 31 de marzo de 2023

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Igualdade, organiza o ciclo “Cine con nome de Muller”, a través do cal se van proxectar nos auditorios das Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns cinco filmes (Emilia Pardo Bazán, A Condesa Rebelde; Juana de Vega, vizcondesa do arado; Sofía Casanova, a obreira do pensamento; Contou Rosalía; e Concepción Arenal, a visitadora de cárceres), pertencentes á colección de Mulleres Galegas na Historia de Zenit TV. As películas proxectaranse os días 13, 19, 27 de abril e 3 e 9 maio, ás 20.30 horas. Ademais, Minervas Voice pon a disposición dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro unha plataforma dixital sobre mulleres inspiradoras onde se poderá traballar con diversas unidades didácticas e contidos audiovisuais.  

Esta mañá o salón de plenos da Casa do Concello acolleu a presentación do ciclo “Cine con nome de Muller”, que está organizado polo Concello de Ames e conta coa colaboración de Zenit TV e Minervas Voice. A presentación desta iniciativa posta en marcha dende a Concellaría de Igualdade correu a cargo do alcalde de Ames, Blas García; da concelleira de Igualdade, Beatriz Martínez; así como Elena Pernas, de Zenit TV, e Tamara González, de Minervas Voice. Tamén asistiron a esta presentación varios/as concelleiros/as do Goberno municipal e Yolanda Toledo, en representación do IES de Bertamiráns.

A concelleira de Igualdade, Beatriz Martínez, destacou que “esta iniciativa parte da empresa amesá Zenit TV. A través deste ciclo de cine preténdese poñer en valor a vida dalgunhas mulleres galegas que foron pioneiras en distintos ámbitos nos dous últimos séculos. Foron estas mulleres as que puxeron a primeira semente do empoderamento da muller e que as mulleres de hoxe en dia seguimos a regar para que esta semente sega a medrar por nós e polas que virán despois. A iniciativa está composta por dúas partes; o ciclo de cine e maila plataforma dixital que vai ofrecer aos institutos de Ames a empresa, tamén de Ames, Minervas, sobre mulleres inspiradoras, para que dende o ámbito educativo se poida traballar dun xeito máis dinámico e interactiva entre o alumnado e mailo profesorado para tratar o tema da igualdade”.

O alcalde de Ames, Blas García, destacou que “xa levamos tempo traballando nesta iniciativa que é posible grazas ao traballo de dúas empresas do sector do audiovisual amesán. Neste proxecto combínanse tres elementos que son o audiovisual, a igualdade e maila educación. Trátase dunha iniciativa moi interesante porque permite coñecer o traballo que tiveron que facer e mailo sufrimento que tiveron que pasar moitas mulleres que loitaron polos dereitos de todas as mulleres. Teño que destacar tamén o traballo feito por dúas empresas de Ames e mailo Concello e que ademais este traballo redunda en beneficio da veciñanza e dos mozos e mozas en idade escolar”.

Programa do ciclo de cine
A programación comeza no Milladoiro o xoves, 13 de abril, coa proxección de Emilia Pardo Bazán, A Condesa Rebelde, que relata a vida da escritora, intelectual e xornalista galega, que abandeirou unha vida en igualdade de condicións cos seus coetáneos. As proxeccións serán todas ás 20.30 horas.

O seguinte filme que se vai proxectar é Contou Rosalía, que se poderá ver o 19 de abril en Bertamiráns. Contou Rosalía é unha película de ficción para televisión, que foi gravada integramente en versión galega e que abonda na liña comezada por Zenit Televisión de adaptar as biografías de salientables mulleres pioneiras na arte, na ciencia ou no pensamento, cunha clara intención cultural e divulgativa. Esta é a primeira ficción sobre a vida de Rosalía e pretende ofrecer ao público unha nova ollada sobre quen segue a ser un mito, o primeiro símbolo da Galicia na literatura e na cultura toda.

O 27 de abril poderase ver no Milladoiro Juana de Vega, vizcondesa do arado. A través de dito filme preténdese reivindicar a figura dunha coruñesa que tivo enorme influencia na vida social e política de España, que foi testemuña-participante e memoria viva da revolución liberal; designada aia da raíña nena Isabel II e da infanta Luisa Fernanda, ás que quixo educar e formar de acordo co que entendía que era a civilización do século, encarnada no progreso e nos principios da monarquía constitucional.

Para o 3 de maio está previsto que se proxecte o filme Concepción Arenal, a visitadora de cárceres en Bertamiráns. A obra social e ensaística desta avogada, activista e precursora do feminismo marcou un antes e un despois no sistema penal español e obtivo un enorme eco na Europa do século XIX. A súa loita en prol dos dereitos humanos logrou cambiar a perspectiva da sociedade sobre os máis desfavorecidos e mellorar as súas duras condicións de vida

O 9 de maio remata o ciclo de cine no Milladoiro con Sofía Casanova, a obreira do pensamento. A historia de Sofía e Pepa (a súa gran amiga e compañeira por sempre) é a historia dunha amizade diferente, única, marabillosa: é a historia dunha fascinación mutua que supera as barreiras de clase e educación e todas as diferencias entre os dous personaxes. Hoxe os restos de ambas repousan xuntos en Polonia, no cemiterio da vila de Poznan.

Elena Pernas, de Zenit TV, dixo que “Cine con nome de Muller é unha iniciativa de Zenit e ideada por Zaza Ceballos, directora de catro das películas e produtora das cinco, que se van proxectar nos auditorios das Casas da Cultura do Milladoiro e Bertamiráns. Estas cinco películas tratan de dar a coñecer ao gran público a figura destas insignes mulleres que conseguiron importantes logros en prol dos dereitos das mulleres. A través destes filmes dáse a coñecer a vida destas cinco mulleres”.

Plataforma dixital para os institutos
Ademais, Minervas Voice pon a disposición dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro unha plataforma dixital sobre mulleres inspiradoras onde se poderá traballar con diversas unidades didácticas e contidos audiovisuais.

Tamara González, de Minervas Voice, explicou que “como hai tantos exemplos de mulleres galegas, españolas e internacionais das que hai moito que contar, decidimos crear unha plataforma dixital sobre contidos de mulleres. En dita plataforma existe información biográfica, referencias bibliográfica e enlaces de interese para contextualizar a figura destas mulleres. Tamén se facilita o acceso a contidos editoriais sobre ditas mulleres e a contidos audiovisual no caso de que os haxa”.

Tamara González engadiu que “é un xeito sinxelo de atopar información sobre unha muller relevante que nos interesa. Dentro de dita plataforma existe unha parte que é Minervas Educación na que traballamos os recursos para as distintas etapas educativas, para achegarlle estas mulleres dun xeito interactivo ao alumnado. Neste caso a idea é facer chegar aos institutos o acceso a propia plataforma para poder levar a cabo un proxecto na aula para que o alumnado coñeza a historia destas mulleres relevantes na historia. Ademais ofrécense dúas unidades didácticas sobre Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal que se acompañan de contidos audiovisuais grazas as películas realizadas por Zenit”.

Foto da presentación do "Cine con nome de muller"

Multimedia

  • Cartaz de "Cine con nome de muller"
  • O ciclo “Cine con nome de Muller” inclúe a proxección de cinco filmes de relevantes mulleres galegas
  • O ciclo “Cine con nome de Muller” inclúe a proxección de cinco filmes de relevantes mulleres galegas
  • O ciclo “Cine con nome de Muller” inclúe a proxección de cinco filmes de relevantes mulleres galegas
  • O ciclo “Cine con nome de Muller” inclúe a proxección de cinco filmes de relevantes mulleres galegas
  • O ciclo “Cine con nome de Muller” inclúe a proxección de cinco filmes de relevantes mulleres galegas