[09-06-2016] Este ano houbo novidades e os rapaces e rapazas que comen na rede municipal de comedores escolares decantáronse polo churrasco con patacas fritas e polo xeado de xeo. Hai que destacar que nesta edición, ao igual que o ano pasado, o xeado elixido non foi o de corte de tres sabores senón o polo de xeo. Uns 1.112 nenos e nenas participaron esta semana nunhas eleccións ben curiosas nas que non faltaron as urnas, papeletas, listas e, por suposto, electores e electoras. O departamento de Educación dálles a posibilidade a todos os nenos e nenas que comen na rede municipal de comedores escolares de que elixan o menú de fin de curso. Estes peculiares comicios leváronse a cabo nos comedores do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEIP de Barouta, CEP de Ventín e na EEI do Milladoiro.
Despois de dous anos seguidos nos que a pizza de xamón e queixo foi o prato elixido para o menú de fin de curso, este ano volveu a gañar o churrasco con patacas fritas. Cómpre lembrar que durante os anos 2011, 2012 e 2013 o churrasco con patacas fritas tamén foi o prato elixido polo alumnado amesán. En canto á sobremesa este ano tamén gañou o xeado de xeo, nesta caso o polo de amorodo. Como se previa dende o departamento de Educación o polo de xeo impúxose ao xeado de tres sabores.
Co cento por cento dos votos escrutados o churrasco con patacas fritas e o xeado (polo de amorodo) proclamáronse como os gañadores. O reconto total de votos quedou do seguinte xeito: churrasco con patacas fritas, 309 votos; pizza de xamón e queixo, 283 votos; albóndegas con arroz e salsa de tomate,113 votos; espaguetes á boloñesa con queixo, 124 votos; peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate, 91 votos; e pescada rebozada con pasta tricolor, 15 votos. Na sobremesa o polo de xeado impúxose con 450 votos ao xeado de corte de tres sabores, que obtivo 210 votos. Os amorodos con nata obtiveron 144 votos; o iogur de chocolate, 117 votos; e o flan con nata, 42 votos.
As eleccións desenvólvense nos comedores do CEIP Agro do Muíño que conta cun censo de 252 rapaces e rapazas, no CEIP A Maía no que participaron 330 alumnos, na EEI do Milladoiro na que 202 nenos e nenas elixiron o seu menú favorito, no CEIP de Barouta no que hai 71 usuarios/as fixos e no CEP de Ventín que ten un censo de 257 electores. En total son 1.112 os rapaces e rapazas que participaron nesta eleccións escolares.
Os nenos e nenas tiveron que escoller un prato e unha sobremesa. No caso do prato houbo seis posibilidades: albóndegas con arroz e salsa de tomate, espaguete á boloñesa con queixo, churrasco con patacas fritas, pizza de xamón e queixo, pescada rebozada con pasta tricolor e peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate. A listaxe de opcións de sobremesa contiñan cinco opcións que foron iogur de chocolate, xeado de corte de tres sabores, xeado de xeo (polo de amorodo), flan con nata e amorodos con nata.
Educación elixe un prato
O Concello fai valer a súa representatividade para elixir outro prato que complete o menú, de maneira que dúas comidas son decisión dos cativos e outra vén definida pola dirección da rede municipal de comedores escolares. Deste xeito realízase unha negociación cos nenos e nenas para que ademais de xantar a comida que eles escollen tamén teñan que comer un prato de verdura imposto polo departamento de Educación. Aínda que o curso remata o día 22 de xuño este menú servirase o día 21 porque o último día a gran maioría do alumnado xa come na súa casa.
Outro obxectivo que se busca con estas eleccións é que o alumnado aprenda os valores dunha educación en democracia e a respectar o que elixe a maioría. Ademais esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias dos máis cativos a hora de xantar. Para realizar estas curiosas eleccións empregáronse as urnas que se empregan nos comicios municipais, autonómicos e estatais. Aínda que a maioría do alumnado respectou a opinión dos seus compañeiros houbo algún pícaro que intentou convencer aos seus amigos e amigas para que votasen polo seu menú favorito.





