Pestanas principais

O churrasco con patacas fritas desbanca á pizza no menú escolar de fin de curso

Martes, 14 de xuño de 2011

[14-06-2011] Este ano houbo novidades e os rapaces e rapazas que comen na rede municipal de comedores escolares decantáronse polo churrasco con patacas fritas e polo xeado. Hai que destacar que nesta edición, ao igual que o ano pasado, o xeado elixido non foi o de corte de tres sabores senón o polo de laranxa ou limón. Uns 835 nenos e nenas participaron o pasado venres nunhas eleccións ben curiosas nas que non faltaron as urnas, papeletas, listas e, por suposto, electores e electoras. O departamento de Educación dálles a posibilidade a todos os nenos e nenas que comen na rede municipal de comedores escolares de que elixan o menú de fin de curso. Estes peculiares comicios leváronse a cabo nos comedores do CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín e na EEI do Milladoiro.

Hoxe a media mañá xa se coñecía o resultado das eleccións que se celebraron o pasado venres co fin de elixir os pratos que conformarán o menú do día 21 de xuño. Este é o sexto ano no que se celebran eleccións na rede municipal de comedores escolares para escoller os pratos cos que se quere despedir o ano académico. Unha vez feito o escrutinio hai que dicir que este ano houbo novidades e o churrasco con patacas fritas e o xeado (polo de limón ou laranxa) foron os gañadores. Esta será a primeira vez que se sirvan patacas fritas na Rede Municipal de Comedores Escolares.

Ata o de agora a pizza e o xeado foron os claros vencedores nas edicións anteriores. Este ano incluíuse o churrasco con patacas fritas, un dos pratos favoritos dos nenos/as, para crearlle competencia á pizza. Por primeira vez en seis anos este prato foi capaz de gañarlle á pizza. En canto á sobremesa este ano tamén se incluíu o polo de limón ou laranxa por segundo ano consecutivo. Durante o curso os nenos e nenas intolerantes á lactosa comen polo de limón cando se serve xeado de tres sabores, espertando a envexa do resto de alumnado. Como se previa dende o departamento de Educación o polo de limón impúxose ao xeado de tres sabores.

As eleccións desenvolvéronse o pasado venres durante o horario no que se emprega o servizo de comedores no CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín e na EEI do Milladoiro. Co cento por cento dos votos escrutados o churrasco con patacas fritas e o xeado (polo de limón ou laranxa) proclamáronse como os gañadores. O reconto total de votos quedou do seguinte xeito: churrasco con patacas fritas, 343 votos; croquetas, 44 votos; albóndegas ,113 votos; peituga rebozada con pasta , 15 votos; pizza, 200 votos; e pescada rebozada, 17 votos. Na sobremesa o polo de xeado impúxose con 297 votos ao xeado de corte de tres sabores, que obtivo 184 votos. O iogur de chocolate tivo 118 votos; o iogur de amorodo, 84 votos; e o peladillo, 21 votos.

Nos catro centros de ensino a sobremesa máis votada foi o xeado de polo. En canto ao prato nos comedores de Ventín, A Maía e Agro do Muíño gañou o churrasco con patacas fritas, mentres que na Escola de Educación Infantil do Milladoiro impúxose a pizza. No comedor de A Maía o escrutinio foi de 130 votos para o churrasco con patacas fritas e 99 para o polo de xeado. No caso do Agro do Muíño impúxose cun total de 86 votos o churrasco e na sobremesa mandou o xeado de polo con 82 votos. No comedor do CEP de Ventín o churrasco obtivo 84 votos e o xeado 74. Por último, na Escola Infantil do Milladoiro, a pizza acadou 58 votos e o xeado, 42 votos.

As opcións que se deron foron as de escoller un prato e unha sobremesa. No caso do prato había seis posibilidades: croquetas de xamón, churrasco con patacas fritas, albóndegas con arroz, peituga rebozada con pasta, pizza e pescada rebozada. A listaxe de opcións de sobremesa contiña cinco opcións que eran o peladillo, xeado de corte de tres sabores, iogur de chocolate, polo de laranxa ou limón e amorodos con iogur.

Educación elixe un prato
O Concello fai valer a súa representatividade para elixir outro prato que complete o menú, de maneira que dúas comidas son decisión dos cativos e outra vén definida pola dirección da rede municipal de comedores escolares. Deste xeito realízase unha negociación cos nenos e nenas para que ademais de xantar a comida que eles escollen tamén teñan que comer un prato de verdura imposto polo departamento de Educación. Aínda que o curso remata o día 22 de xuño este menú servirase o día 21 porque o último día a gran maioría do alumnado xa come na súa casa.

Outro obxectivo que se busca con estas eleccións é que o alumnado aprenda os valores dunha educación en democracia e a respectar o que elixe a maioría. Ademais esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias dos máis cativos a hora de xantar. Para realizar estas curiosas eleccións empregáronse as urnas que se empregan nos comicios municipais, autonómicos e estatais. Aínda que a maioría do alumnado respectou a opinión dos seus compañeiros houbo algún pícaro que intentou convencer aos seus amigos e amigas para que votasen polo seu menú favorito.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los colegios de Ames democratizan la elección del menú de fin de curso"