Pestanas principais

O CEP de Ventín celebra os seus 25 anos de historia

Domingo, 19 de xuño de 2011

[19-06-2011] Comezou sendo un pequeño colexio do extrarradio de Santiago e desde o primeiro momento tivo sona polo bo facer do seu profesorado e a implicación dos pais e nais no proceso educacional. O CEP de Ventín, que na actualidade acolle a 437 alumnos e alumnas e conta con 38 profesores e profesoras, celebrou este sábado os seus primeiros vintecinco anos de vida. Un aniversario marcado, en palabras do director do centro, Alfredo Rodríguez, pola “unión de toda a comunidade educativa, cuxo esforzo foi clave en todo o que se conseguiu”. Un esforzo que redundou na consecución do ximnasio, o comedor ou o patio cuberto. O alcalde de Ames, Santiago Amor, presidiu o acto do 25 aniversario, que contou coa presenza de varios concelleiros do grupo de goberno e da oposición, ademais dunha nutrida representación de pais, nais e alumnado. Unha xornada festiva que se prolongou durante toda a tarde coa xa tradicional celebración do Día da Familia.


Os actos do 25 aniversario do CEP de Ventín comezaban o venres cun encontro con dous ex alumnos do centro, o deportista Borja Golán e o pintor Roi Barros, que amenizaron a mañá aos escolares coas súas vivenzas no centro educativo e a influencia que este tivo nas súas carreiras. O acto central da celebración trasladouse ao sábado. Desde primeira hora da mañá as raiolas de sol anunciaban un gran día de festa e, pouco a pouco, ían chegando as primeiras familias para dispor todo o necesario para o evento. Autoridades, pais, nais, nenos e nenas misturábanse nos patios do colexio antes de dar comezo ao acto institucional. Ás doce do mediodía fóronse enchendo as cadeiras dispostas no patio cuberto e o director do coelxio, Alfredo Rodríguez, exercía de mestre de cerimonias para dar paso aos discursos. A primeira directora do CEP de Ventín, María Goyanes, aproveitou a ocasión para agradecer a invitación ao acto e calificou de moi bonita a súa experiencia no centro. Acto seguido tomou a palabra Juan Grande, primeiro presidente da ANPA do colexio, que expresou a súa ledicia por "estar todos xuntos" e manifestou que "Ventín segue a ser un lugar de referencia, onde coñecín a moita xente coa que manteño o contacto". O ex alcalde de Ames, Carlos Fernández, tamén tomou a palabra para significar que "o colexio tivo unha evolución importante; cubríronse parte das carencias e temos que seguir conseguindo logros para que o CEP de Ventín siga sendo referente e vaia a máis".

O alcalde de Ames, Santiago Amor, foi o encargado de pechar as intervencións. O rexedor local aludiu á xornada como "un día moi especial para o colexio e todos os que pasaron polas súas aulas". Santiago Amor destacou a "unión da comunidade educativa, ANPA, profesorado e Concello". O alcalde amiense engadiu que "hai que seguir traballando e mellorando as instalacións e o Concello de Ames seguirá a ser un aliado e colaborador do centro". O rexedor local, acompañado de varios concelleiros do goberno local e dos grupos da oposición, observou desde primeira fila as actuacións que moitos escolares ofreceron no mesmo escenario logo dos discursos. Sonaron o piano, o saxofón e o violín; un grupo de cativos e cativas interpretou unha canción conmemorativa dos 25 anos do centro; karatekas, malabaristas e bailaríns tampouco perderon a ocasión de amosar as súas habilidades ante un público numerosísimo e, como non, entregadísimo. Foi a paso previo á visita, no xinmasio, dunha exposición fotográfica que recolle os 25 anos de historia do centro educativo. Noventa fotografías que sintetizan as numerosas actividades levadas a cabo no centro, desde a celebración do entroido ou o Nadal, ata as excursións realizadas polo colexio. Documentos gráficos que fixeron as delicias de todos os presentes, á vez que impregnaban de inesquecibles lembranzas de moitos dos que alí se deron cita.

A visita á exposición foi o paso previo á celebración do Día da Familia, un acto xa máis lúdico e tradicional que as familias aproveitaron para pasar en compaña. Unha pequena romería dentro do CEP de Ventín que foi o colofón a unha xornada inesquecible. E que sexan moitas máis. Parabéns.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La buena educación celebra sus bodas de plata en Ventín"