[28-05-2011] O comedor do CEP de Ventín acolleu hoxe un acto moi especial. Dende o departamento de Educación organizouse unha comida con motivo da conmemoración do Día Nacional do Celíaco. Con este xantar preténdese facer extensivo ao resto de alumnado o tratamento alimentar que seguen os nenos e nenas celíacos. A Rede Municipal de Comedores escolares atende todos os días a preto de 1.000 alumnos/as, dos cales 96 seguen un tratamento alimentar especial. Nese grupo están incluídos 9 nenos/as celíacos e 11 cativos con diferentes alerxias alimentarias. Coa celebración deste evento, o Concello de Ames pretende informar sobre a celiaquía, que é a enfermidade crónica intestinal máis frecuente no Estado, concienciando á veciñanza de que quen padece esta doenza pode realizar unha vida absolutamente normal, sen ter que renunciar a ningún tipo de actividade social, deportiva ou afectiva.
Pan sen glute, ensalada tropical, salmón con arroz e sandía. Esta foi a comida que se serviu hoxe na rede municipal de comedores escolares e nas escolas infantís para conmemorar o Día Nacional do Celíaco. Este menú foi totalmente apto para os celíacos e os nenos/as que sofren algún tipo de alerxia alimentaria. O resto de nenos e nenas que non seguen un tratamento alimentar específico tamén xantaron o mesmo menú.
Con este xantar o Concello de Ames quere facer extensible aos resto de usuarios/as da Rede Municipal de Comedores Escolares a conmemoración do Día Nacional do Celíaco, para tratar de concienciar a todos os rapaces e rapazas de que comer sen produtos sen glute é algo normal. O servizo de Comedores Escolares do Concello de Ames atende diariamente 96 casos de intolerancias e alerxias a distintos tipos de alimentos. Iso provocou que dende o departamento de Educación se puxera en marcha un programa de protocolos para recoller todas as intolerancias, alerxias e enfermidades destes 96 alumnos/as. Neste grupo están incluídos 9 nenos/as celíacos e 11 cativos/as con diferentes alerxias alimentarias.
Para atender os casos que precisan un tratamento alimentar especial ofrécese un menú que é parecido ao menú basal que comen todos os rapaces, pero respectando, claro está, as intolerancias particulares. Deste xeito practicamente non notan distinción á vez que van coñecendo os alimentos que deben evitar e aprendendo o comportamento adecuado para velar pola súa saúde. Os días nos que o menú inclúe algún prato con ingredientes prohibidos, elabóraselles unha comida especial para eles, intentando que as diferenzas sexan as mínimas posibles. No caso de pizza ou pasta, por exemplo, aos nenos e ás nenas celíacas cambiáselles a base de fariña de trigo por outra dun produto que non conteña glute, e, se hai croquetas, empanada ou albóndegas fanse de xeito especial para eles.
Ademais os nenos e as nenas celíacos dispoñen todos os días da súa ración de pan sen glute. Os comedores escolares de Ames adáptanse en boa medida ás necesidades dos celíacos e de todos aqueles alumnos que teñen intolerancia sobre diversos produtos como poden ser o peixe, o ovo, a lactosa ou as carnes vermellas. Así, nas cociñas onde se elabora a comida utilízanse marcas de maionesa, tomate, queixos, marmelo, xeados e outros alimentos que non conteñen glute.
O 27 de maio ao ser o Día Nacional dos Celíacos, os menús das garderías e dos comedores escolares elaboráronse sen glute. Deste xeito todo o alumnado que come na rede municipal de comedores escolares e nas escolas infantís xantou un menú apto para celíacos.
Preto de 40 persoas asistiron a este xantar
Arredor de 40 persoas asistiron a este xantar que se organizou con motivo do Día Nacional do Celíaco. Esta comida contou coa presenza de varios membros do goberno municipal en funcións con Carlos Fernández á cabeza. Tamén asistiron Jose Miñones, Patricia Conde, Isabel González e Francisco Villaverde. En representación do Partido Popular de Ames, que proximamente formarán o goberno municipal trala vitoria nas elección do pasado 22 de maio, asistiron Santiago Amor, Ramón García Argibay, Bernardo Moar e Alfonso Rey.
A esta comida tamén asistiu, como soe ser habitual nos últimos anos, a directora da Asociación de Celíacos de Galicia, Isabel Capdevila, 13 pais e nais de alumnos que comen nos comedores municipais escolares, unha das coordinadoras en funcións do departamento de Educación, os responsables da empresas Agora Aberta e Órbita Infantil que son as encargadas de xestionar o servizo de monitores que traballan nos comedores e Tardes Divertidas, a nutricionista municipal, unha traballadora do departamento de Educación, e a coordinadora da Rede Municipal de Comedores Escolares.
Coa celebración deste evento, o Concello de Ames pretende informar sobre esta doenza, que é a enfermidade crónica intestinal máis frecuente no Estado, concienciando á veciñanza de que quen padece a celiaquía pode realizar unha vida absolutamente normal, sen ter que renunciar a ningún tipo de actividade social, deportiva ou afectiva.



Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Los futuros cocineros aprenden a preparar comida para celíacos"
El Correo Gallego: "El colegio de Ventín conmemoró el Día Nacional do Celíaco con un xantar "




