Pestanas principais

O centro multifuncional do Milladoiro será un espazo para o lecer, a cultura e a promoción económica

Venres, 04 de novembro de 2022

A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu este xoves, 3 de novembro, a presentación do proxecto de construción do centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica do Milladoiro, que estará situado na avenida do Muíño Vello, na zona norte do Milladoiro. Interviron no acto a concelleira da unidade executora da EDUSI encargada deste proxecto, Ana Belén Paz, os redactores do proxecto de Tuungoo Arquitectos, Alberto Reques e Diego Penche, e mailo alcalde de Ames, Blas García. Esta actuación está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O proxecto foi adxudicado á empresa Citanias Obras y Servicios SL por un importe de 1.305.453,52 euros. Preme nesta ligazón para descargar o dítico informativo de dito proxecto.

O Concello de Ames está inmerso no desenvolvemento das actuacións recollidas na EDUSI Impulsa Ames. Un dos proxectos máis importante que se vai a executar é a construción do centro multifuncional de lecer, cultura e promoción económica do Milladoiro, que estará dirixido á mocidade e a persoas en risco de exclusión social do concello de Ames. Dito proxecto foi adxudicado á empresa Citanias Obras y Servicios SL na Xunta de Goberno Local do pasado xoves 27 de outubro de 2022. O importe de adxudicación ascende a 1.305.453,52 euros. Premendo nesta ligazón podes ver o vídeo explicativo deste proxecto.

A dito evento acudiron membros de diversas asociacións do concello, concelleiros/as do Goberno municipal, do grupo municipal do Partido Popular, de Ames Novo e Ciudadanos. No acto interviron a concelleira da unidade executora da EDUSI encargada deste proxecto, Ana Belén Paz, os redactores do proxecto de Tuungoo Arquitectos, Alberto Reques e Diego Penche, e mailo alcalde de Ames, Blas García.

Esta actuación é unha das boas prácticas enmarcadas na Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sustentable (EDUSI), Impulsa Ames, cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER). Ten encaixe na liña A10 da estratexia DUSI Impulsa Ames, dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España. Un dos principais obxectivos da EDUSI é a ancoraxe da xente nova no municipio, favorecendo que formen parte activa da comunidade a nivel recreativo, formativo e laboral.

O novo centro multifuncional do Milladoiro será un espazo público de calidade por dentro e por fóra. Construído baixo parámetros de eficiencia enerxética, funcionará como dinamizador cultural, económico e social, e albergará actividades útiles para a cidadanía, xerando o encontro e a interacción entre a veciñanza.

O edificio construirase na avenida Muíño Vello, nunha parcela de 4.669 metros cadrados. Unha ubicación que permitirá acoller as instalacións e amplas áreas verdes con zonas de aparcamento. O deseño do edificio, sostido sobre piares, creará unha praza cuberta protexida da chuvia que posibilitará o seu uso en calquera época do ano.

A concelleira da unidade executora da EDUSI encargada deste proxecto, Ana Belén Paz, explicou que “un dos principais obxectivos da estratexia DUSI Impulsa Ames é dirixirnos á xente nova para que poida quedar en Ames, para que atope aquí todo o que poida necesitar, creando servizos e equipamentos específicos para eles e elas, acordes cos seus intereses e necesidades, de xeito que poidan formar parte activa da comunidade a nivel recreativo-cultural, formativo e laboral”.

Ademais, dixo que “con este novo centro multifuncional preténdese crear unha oferta de servizos e equipamentos que se axusten aos intereses e necesidades da poboación moza e aos colectivos con especiais dificultades de inserción; xerar dinamismo e sinerxias co entorno empresarial, e especialmente co novo espazo colaborativo “Coworking A Proa; desenvolver unha cultura emprendedora e asociativa; fomentar a cohesión social e a loita efectiva contra a discriminación e colaborar en erradicar a pobreza”.

Centro dinámico social e cultural
Os redactores do proxecto de Tuungoo Arquitectos, Alberto Reques e Diego Penche, non puideron estar presentes no acto de presentación pero interviron a través dun vídeo que se gravou previamente no seu estudo en Madrid. Deste xeito, explicaron as principais características do proxecto.  

Deste xeito, dixeron que o centro multifuncional do Milladoiro terá unha superficie útil total de 520,61 m2. Este proxecto ten como obxectivo xerar un espazo que vaia máis alá do concepto tradicional de centro cultural ou xuvenil, para converterse nun centro dinámico social e cultural da comunidade, afianzando o sentido de veciñanza, e prestar así servizo á lectura, á aprendizaxe, ao ocio e á actividade comunitaria, atendendo especialmente as necesidades do sector máis novo da poboación. A execución pivotará sobre dous elementos principais. Por unha banda, crearase un grande espazo público na totalidade da parcela, con espazos para actividades e reunións espontáneas ao aire libre mentres se goza da paisaxe, en contacto coa natureza.

Pola outra, o propio edificio, que se erixirá como un referente urbano e un polo de atracción para os habitantes do Milladoiro. Ademais da praza cuberta baixo a construción, no interior haberá múltiples espazos flexibles e versátiles, que se adaptarán a calquera necesidade. No primeiro andar haberá unha zona de espera e descanso, unha zona de traballo e un espazo para entrevistas individuais, ademais de aseos, almacén e ascensor. Na planta alta atoparemos un espazo diáfano e polivalente, divisible en tres espazos menores para albergar múltiples actividades e envolto nun cerramento de vidro que ofrece vistas de 360º cara ao exterior.

Obxectivos do centro multifuncional
Coa creación deste novo centro multifuncional preténdese crear unha oferta de servizos e equipamentos que se axusten aos intereses e necesidades da poboación moza; xerar dinamismo económico que permita xerar e manter postos de traballo; desenvolver unha cultura emprendedora e asociativa, fomentar a cohesión social e a loita efectiva contra a discriminación; e colaborar en erradicar a pobreza.

O alcalde de Ames, Blas Garcia, destacou que “o espazo onde se vai construír este novo edificio vai cambiar completamente. Xunto ao centro multifuncional tamén se vai a instalar unha pista de skate e outra de pádel. Ademais, o edificio estará rodeado de zonas verdes, que tanta falta fan no Milladoiro, con espazos diversos para reunións e encontros, ou simplemente gozar do aire libre”.

Blas García tamén incidiu en que “construír este centro multifuncional vai moito máis alá do concepto tradicional de centro cultural e xuvenil. O grande obxectivo desta obra é poñer en contacto a persoas… con outras persoas. Algo que soa tan doado, tan natural e espontáneo, pero que non se dá se non existen as condicións axeitadas; persoas formadoras con persoas con ganas de aprender; xente nova, con moitas ideas para facer cousas pero que ás veces non sabe nin por onde empezar; colectivos desfavorecidos, que poidan atopar aquí oportunidades de futuro; empresas traballando xuntas e posibles colaboracións que lles axuden a evolucionar… Avós, netos, familias enteiras en contacto con iniciativas culturais, ou xermolos de asociacións para traballar cun obxectivo común, emprendemento de todo tipo… En definitiva, como dicía: un lugar onde a xente se poida atopar con outra xente, e medrar da man”.

A presente actuación está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80% dentro do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible Impulsa Ames, de conformidade coa Resolución do 21 de xullo de 2017, da Secretaria de Estado de Orzamentos e Gastos, pola que se resolve a concesión definitiva de axudas da segunda convocatoria para a selección de estratexias de desenvolvemento urbano sostible e integrado.

Imaxe do acto de presentación do centro multifuncional do Milladoiro

Multimedia

  • Imaxe do acto de presentación do centro multifuncional do Milladoiro
  • Imaxe do acto de presentación do centro multifuncional do Milladoiro
  • Imaxe do acto de presentación do centro multifuncional do Milladoiro
  • Imaxe do acto de presentación do centro multifuncional do Milladoiro
  • Imaxe do acto de presentación do centro multifuncional do Milladoiro
  • Imaxe do acto de presentación do centro multifuncional do Milladoiro
  • Embedded thumbnail for