[12-12-2015] Ofrecer unha xornada lúdica e deportiva para toda a familia. Ese é o obxectivo do Maratón Solidario de Fitness que o Centro Deportivo A Telleira, en colaboración co Concello de Ames, organiza este domingo, 13 de decembro. Esta iniciativa desenvolverase no pavillón polideportivo de Bertamiráns a partir das 11:00 horas da mañá. Non se precisa inscrición previa, pero os organizadores piden a todos aqueles amesáns e amesás que queiran participar que acudan cun xoguete. Este maratón solidario ten tamén un fondo solidario; todos os xoguetes serán entregados á Oficina de Voluntariado de Ames para a súa doazón ás familias máis necesitadas neste mes de Nadal.
A xornada consistirá en dúas masterclass pensadas para toda a familia, unha de zumba family e outra de body combat. Nenos e nenas tamén terán a súa disposición dous inchables, un para os máis pequenos e outro para aqueles de máis de seis anos, nos que poderán xogar baixo a supervisión de varios monitores. Aos asistentes entregaráselle unha tarxeta para que a cubran cos seus datos. Deste modo poderán participar no sorteo de varios premios, como bonos do Centro de Deportes A Telleira, camisetas ou material deportivo.




