[28-09-2016] Este outono o centro deportivo municipal A Telleira pon en marcha unha nova campaña para animar á veciñanza a practicar máis deporte de cara ao curso 2016-2017. Os novos usuarios non terán que pagar matrícula e disporán dunha semana para probar os servizos que se ofrecen nestas instalacións deportivas. Trátase dunha campaña de captación para que os veciños e visitantes do concello de Ames sigan gozando da actividade física.

O centro deportivo municipal de A Telleira, situado en Bertamiráns, propón unha serie de ofertas que pretenden que todos os veciños e veciñas fagan exercicio e se activen neste outono. Ven poñerte en forma, ven desconectar, ven sentirte ben, ven comezar de novo... Comeza o teu plan ven. Faino como queiras, pero ven! Este é o lema escollido pola dirección do centro deportivo para a nova campaña de captación de novos socios.
O complexo convida a todos e todas a probar unha semana as súas instalacións e gozar do deporte na piscina deportiva, a sala fitness ou na salas de actividades. Para poder vivir esta experiencia, o centro abriu unha páxina web (www.tuplanve.com) onde descargar as invitacións. Serviocio, a empresa que xestiona o servizo da instalación, explica que “calquera razón é válida para facer deporte” e que nas súas instalacións pódese ir “a desconectar, a nadar, a coñecer xente, a sentirse un mellor…”.
Se un decide facerse socio, o centro deportivo oferta, ata o 14 de outubro, matrícula sen custo e sen compromiso. Unha boa oportunidade de coñecer a súa escola de natación, as actividades para os pequenos da casa ou relaxarse no seu sauna. Co outono comeza unha nova tempada no centro deportivo municipal da Telleira, xa non hai escusas para non facer deporte.
Para obter máis información sobre a oferta do centro e os prezos pódese chamar ao teléfono 981 891 081 ou enviar un correo electrónico ao enderezo ames@serviocio.es. O horario de inverno da Telleira é, de luns a venres, de 07:30 a 23:00 horas. Os sábados o centro abre de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. Os domingos e festivos o horario de apertura vai de de 09:00 a 14:00 horas.
As instalacións do centro inclúen unha piscina cuberta, na que sempre se reserva espazo para a xente que queira nada libremente, unha sala de máquinas, unha sala de ciclo, outra empregada para distintas actividades dirixidas e saunas. Algunhas das ofertadas son pilates, body combat, body pump, zumba ou bailes latinos. Dependendo da actividade haberá que aboar un prezo extra.




