Pestanas principais

O Centro Deportivo Municipal da Telleira está ampliando as súas instalación con novas salas de fitness e para outras actividades

Venres, 21 de setembro de 2018

[21-09-2018] Esta mañá o alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, visitou as instalacións do Centro Deportivo Municipal da Telleira para comprobar o estado das obras que se están executando para dispor dunha nova sala de fitness, novas salas de actividades, nova área de xogos infantil e novo sistema de reserva de actividades. O rexedor municipal estivo acompañado do director do Centro, Carlos Amado, e do arquitecto Francisco Liñares, do Estudio Salgado e Liñares. Está previsto que estas novas salas se poidan estrear durante o mes de outubro. Ademais, este Centro continúa a súa campaña de setembro coa matrícula gratuíta en todos os seus abonos.

Ampliación de espazos deportivos
A ampliación que se está a realizar está encadrada dentro da prórroga contractual de servizos por parte da empresa co Concello de Ames e que foi aprobada a comezos do presente ano. O importe da obra ascende aos 321.103,75€ e permitirá dispor dunha nova sala fitness con novo equipamento e ubicación máis ampla e aberta á actual. Ademais, dita ampliación tamén permitirá o incremento de salas de actividades, que están sendo moi demandadas dentro do complexo deportivo. Co cambio da sala fitness ao novo espazo, que se está a construír, o actual espazo pasará a ser unha nova área de xogos infantil que contará con elementos de xogo para os mais pequenos.

Para o alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, “a mellora destas instalacións vai permitir incrementar o número de usuarios e o que é mais importante, prestar os servizos cunha mellor calidade. Ames co perfil xove que ten necesita de espazos deportivos acordes á demanda existente, e de aí que esteamos contentos das obras que se están a acometer, xa que os principais beneficiarios serán os veciños e veciñas de Ames, que así o estaban demandando. Esperemos que canto antes poidan empregar destes novos espazos”.

Deporte en familia
BeOne volve apostar polo público familiar, co obxectivo de conciliar o deporte e a familia. Así, a instalación de Bertamiráns conta con actividades infantís e unha ampla grella para conciliar o horario das persoas adultas para que poidan practicar o deporte que máis lles guste mentres as máis cativos se divirten. Ademais contan con escolas infantís de natación onde as nenas e nenos poderán aprender e perfeccionar a súa técnica na auga. As instalacións do centro dispoñen de 1.000 metros cadrados, que comprenden a sala fitness, piscina, sauna, sala de ciclo indoor e outra sala onde practicar as súas máis de oitenta e cinco actividades semanais.

Para obter máis información sobre a oferta do centro e os prezos pódese chamar ao teléfono 981 891 081 ou enviar un correo electrónico ao enderezo atelleira@beone.es. O horario de inverno da Telleira é, de luns a venres, de 07:30 a 23:00 horas. Os sábados o centro abre de 9:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas. Os domingos e festivos o horario de apertura vai de 09:00 a 14:00 horas.

Está previsto que no vindeiro mes de outubro o Centro deportivo municipal A Telleira, xestionado por BeOne, estree unha nova sala fitness, novas salas de actividades, nova área de xogos infantil e novo sistema de reserva de actividades. Na actualidade estanse executando as obras que permitirán dispor destas novas instalacións. O alcalde e concelleiro de Deportes visitou o Centro para ver como van estres traballos. En dita visita estivo acompañado do director do Centro, Carlos Amado, e do arquitecto Francisco Liñares, do Estudio Salgado e Liñares.

Asemade, coincidindo co inicio de curso, o Centro deportivo municipal A Telleira, puxo en marcha unha nova campaña para animar á veciñanza a practicar deporte. Durante todo o mes de setembro, co obxectivo de facilitar a inscrición ás usuarias e usuarios, BeOne ofrece unha proba gratuíta e, en caso de inscrición, a matrícula sen custo en todos os seus abonos. Ademais, en caso de que o usuario non quede convencido, ofrécese tamén a garantía de devolución do primeiro mes.

O Centro deportivo municipal de A Telleira, situado en Bertamiráns, propón unha serie de ofertas que pretenden animar a todas as veciñas e veciños a facer exercicio e activarse despois do verán. Baixo o lema “Vivir”, o complexo convida a todas e todos a probar as súas instalacións e gozar do deporte na piscina deportiva, con varios cursos e actividades acuáticas, na sala fitness ou na sala de actividades. Despois da proba gratuíta, todos aqueles usuarios/as que decidan inscribirse gozarán de matricula sen custo en todos os seus abonos. Ademais, está ofrecendo as últimas prazas nos cursos e actividades acuáticas.

Esta campaña de captación ofrece tamén a garantía de devolución do primeiro mes a aqueles que, despois de uns días, non queden satisfeitos co servizo. Esta iniciativa, realizada por primeira vez na anterior campaña de xaneiro, resultou ser un éxito entre os e as amesás. Non obstante, os interesados/as poderán atopar toda a información que precisen a través da páxina web https://beone.es/vivir/ames/, ademais da posibilidade de entrar no sorteo dun mes gratuíto.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "O Centro Deportivo Municipal da Telleira contará cunha nova sala de fitness"