[04-03-2017] O goberno municipal fai balance do traballo feito polo CIM do Concello de Ames durante o 2016. Este datos publícanse uns días antes do Día Internacional da Muller que se conmemora este mércores 8 de marzo. Ao longo do pasado ano o Centro de Información á Muller atendeu 266 mulleres e 2 homes, das cales 204 era a primeira vez que acudían a este centro. Desas 266 mulleres, 35 son vítimas de violencia de xénero. Estas 35 mulleres recibiron 81 atencións no 2016. Ademais, ao longo do pasado ano púxose en marcha a Mesa Local Interinstitucional contra a Violencia Machista, así como as campañas Ames pola Igualdade e Ames en Negro, entre outras iniciativas.
A concelleira de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca que “para este goberno a loita pola igualdade e contra a lacra das violencias machistas é unha prioridade. Polo que incidimos na formación e información facendo fincapé na poboación máis moza”.
As mulleres son un dos colectivos que teñen un servizo propio de atención dirixido a elas, o Centro de Información á Muller (CIM), onde reciben unha atención integral: xurídica, psicolóxica, social. A parte destes servizos as responsables deste centro poñen a disposición das mulleres un amplo abano de recursos en materia de igualdade de xénero e información sobre os recursos dispoñibles encamiñados á consecución da igualdade. Dende o CIM tamén se colabora con outros organismos ou entidades como o Centro de Recuperación Integral para mulleres Vítimas, Vagalume, Centinelas, etc.
Ao longo do pasado ano o Centro de Información á Muller atendeu 266 mulleres e 2 homes, das cales 204 era a primeira vez que acudían a este centro. Desas 266 mulleres, 35 son vítimas de violencia de xénero. Estas 35 mulleres recibiron 81 atencións no 2016.
Ademais, realizáronse 300 atencións xurídicas: 114 de dereito administrativo (permisos de residencia, recursos, reclamacións previas…); 85 de dereito de familia (divorcios, separacións, reclamacións de pensións de alimentos, custodias…); 42 de dereito civil (nacionalidade, estranxeiría, herdanzas…); 23 de xustiza gratuíta (solicitude e problemas co/a avogado/a); 10 de dereito penal (abusos, roubos…); 13 de seguridade social (incapacidade temporal, pnc…); e 13 dentro do apartado de outros.
Por último, contabilizáronse 139 atencións psicolóxicas: 79 casos en relación a demandas expostas polas usuarias (31 por problemas familiares, 28 por problemas de parella, 1 por problemas individuais e 19 por patoloxías individuais); 13 por situacións emocionais detectadas (ansiedade, angustia e estrés); e 47 casos de seguimento individual.
Outras iniciativas en prol da igualdade
Por outra banda, púxose en marcha a Mesa Local Interinstitucional contra a Violencia Machista, na que están representados todos os sectores implicados directa ou indirectamente nesta loita: Secretaría Xeral de Igualdade, persoal do CIM, traballadoras sociais, Policía Local, Garda Civil, centros de saúde, centros escolares, colexio de avogados e o técnico municipal de emprego. Entre ás funcións desta Mesa están a posta en marcha dun protocolo unificado de actuacións, a determinación dos criterios a seguir para a detección de casos de violencia machista no ámbito local, acordar criterios comúns para a atención dos mesmos, identificar as situacións de posible descoordinación e propoñer métodos de subsanación e poñer en común e avaliar os datos recollidos en cada ámbito de actuación.
Ademais das xuntanzas desta Mesa, o longo do pasado ano fixéronse diversas actuacións dirixidas aos máis novos como o Concurso de marcapáxinas co gallo do día da Muller, obradoiros sobre xénero, violencia, prostitución e trata nos institutos, o obradoiro Quérome/te: Decálogo para o bo trato, que tivo lugar nos IES do Milladoiro e Bertamiráns no Día Internacional para a eliminación da violencia, así como a recuperación do Paseo Carme Amado no IES de Ames e a inauguración do Paseo da Igualdade no Milladoiro.
Ames pola Igualdade
Seguindo coa formación en igualdade organizáronse unhas xornadas para o persoal municipal, obradoiros para nais e os seus fillos e fillas, e colaborouse tamén nunha investigación sobre o uso da telefonía móbil para ofrecer terapia a mulleres en risco de exclusión. Para celebrar o día da Muller Traballadora púxose en marcha a campaña Ames pola Igualdade, que comezou coa colocación dunha pancarta no Concello co lema Contra ás violencias machistas, participando da marcha convocada pola Plataforma Feminista Galega, para rematar cun acto adicado a Carmen Feteira no que participaron as anteriores concelleiras de Igualdade.
No pasado mes de novembro tamén se organizou a VI edición das Xornadas Acércate: Igualdade e Prevención da Violencia de Xénero, nas que participaron preto de 200 persoas repartidas entre o bloque da mañá, cun carácter máis xurídico e destinado a profesionais (este ano contouse, entre outros, coa participación de Milagros Otero, Margarita Ledo e Francisca Verdejo), e o bloque da tarde, que estivo destinado a un público máis xeral no que se impartiron 4 obradoiros.
Por último, compre salientar que Ames sumouse a Campaña En negro contra a Violencia, na que participaron conxuntamente 17 Concellos de Galicia. Ames en Negro, tivo unha gran acollida, cunha gran participación, xa que se sumaron a esta campaña máis de 100 axentes sociais, entre establecementos comerciais, asociacións, clubs deportivos, ANPAS, e centros escolares.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "El centro de información atendió a 35 amienses víctimas de violencia"




