Pestanas principais

O centro de formación de Ames bota a andar coa posta en marcha do obradoiro de emprego Encontro Verde, froito da colaboración entre Ames e Brión

Mércores, 09 de xaneiro de 2013

[09-01-2013] A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitou esta mañá as novas instalacións deste centro, acompañada do alcalde de Ames, Santiago Amor; do concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Bernardo Moar, e de varios membros da Corporación municipal. Ao acto tamén asistiron o alcalde de Brión, José Luís García, e a directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz. Ao acto tamén asistiron os representantes das principais asociacións de comerciantes de Ames.


Obradoiro de emprego
Na xornada de hoxe púxose en marcha o obradoiro de emprego Encontro Verde, que levan a cabo en colaboración os concellos de Ames e Brión. Para a realización desta actividade, a Consellería de Traballo e Benestar concedeulle ao Concello de Ames unha subvención de preto de 240.000 euros. Ademais, os concellos de Brión e Ames contribuíron a esta iniciativa con 50.000 euros.

Neste obradoiro, realizado en colaboración co Concello de Brión, formaranse 27 alumnos/as traballadores/as e darase emprego a un total de 34 persoas (incluíndo director, titor e mestres do obradoiro). A especialidade que se impartirá, cunha duración de 960 horas, será a de Instalación e Mantemento de Xardíns e Zonas Verdes. Os alumnos e alumnas traballarán na recuperación de espazos verdes do municipio, tentando facelos sostibles. O obxectivo deste obradoiro é cualificar profesionalmente aos participantes e favorecer a súa inserción laboral, mediante a formación e a práctica profesional.

O obradoiro permitirá aos desempregados dos concellos de Ames e Brión adquirir ou perfeccionar unha cualificación para facilitar o acceso a un posto de traballo a partir dun programa axeitado no posible aos contidos mínimos establecidos nos certificados de profesionalidade da especialidade formativa de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes. Con este obradoiro búscase tamén o fomento do espírito empresarial e a creación de empresas ou o autoemprego dos participantes.

As actuacións previstas nestes obradoiros serán no viveiro de Barouta e na finca de Aldea Nova. Ademais, acometeranse traballos na praia fluvial de Tapia, na zona verde do local social de Piñeiro, nas zonas verdes da Rúa Anxeriz ou na praza de Manuel Murguía, no Milladoiro. Tamén se traballará na praza de Chavián e nas zonas verdes do Ameneiral, as dúas en Bertamiráns, ou na mediana da Avenida Rosalía de Castro, no Milladoiro. En Brión traballarase no axardinamento da Casa do Concello, na carballeira de Santa Minia, no centro social polideportivo e na escola infantil de Brión.

Un centro moderno e equipado
O centro de formación do Concello de Ames foi levado a cabo cun investimento superior aos 400.000 euros do Fondo Estatal para el Empleo y la Sostenibilidad Local do Goberno central, da Deputación da Coruña e do Concello de Ames. En total, o centro conta cunha superficie de 1.200 metros cadrados distribuídos en 12 locais con superficies desde 95 a 36 metros cadrados. O edificio consta de tres aulas, dous talleres, unha sala de instalacións, un almacén, unha sala de reunións e tres despachos.

Nos últimos anos, o Concello de Ames estivo traballando no acondicionamento e posta en funcionamento deste centro de formación e emprego. Coa súa posta en marcha, o Concello dispón dun completo edificio no que se levarán a cabo diferentes actividades destinadas á formación tanto das persoas desempregadas como das que conforman o tecido empresarial de Ames.

Este centro alberga xa desde hoxe as distintas accións formativas que desenvolve o Concello de Ames, como o obradoiro de emprego Encontro Verde que se leva a cabo conxuntamente con Brión. Nos próximos meses, será a sede comarcal e espazo no que se porán en marcha os proxectos da área 9 do programa Rede Xiana2, posto en marcha pola Deputación da Coruña e que permitirá que Ames imparta 2.500 horas de formación para o emprego. Ademais, o Concello de Ames está traballando para conseguir a homologación de certificados de profesionalidade a través de accións formativas para desempregados.

Pola súa banda, a conselleira de Traballo e Benestar felicitou aos dous alcaldes “por terse entendido na loita contra o desemprego”. Beatriz Mato subliñou a aposta da Xunta por poñer en marcha políticas activas de emprego, como o obradoiro que levan a cabo Ames e Brión, ao que a Consellería destinou preto de 240.000 euros. A conselleira fixo fincapé en que “a Xunta aposta pola formación de calidade, certificada e homologada”. De feito, engadiu, “xa hai 30.000 persoas en Galicia que contan con esta certificación”.

Na súa intervención, o concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Bernardo Moar, agradeceu “os esforzos de todas as persoas e institucións que colaboraron para que hoxe sexa unha realidade este espazo, no que se desenvolverán accións que fortalecerán as capacidades profesionais da nosa poboación desempregada”. O concelleiro subliñou que para a posta en marcha deste centro “foi vital a busca de cooperación e colaboración entre institucións e persoas”. Bernardo Moar destacou, ademais, que “hai oportunidades laborais e económicas que temos que axudar a explorar, e dende esta Concellería esa vai ser a nosa guía de traballo”.

Entre os membros da Corporación amiense atopábanse o concelleiro de Urbanismo, Ramón García Argibay; o concelleiro de Deportes, Manuel Ferreiro; a concelleira de Xuventude, María González, e o edil popular Alfonso Rey. Ademais, tamén asistiron os edís socialistas José Manuel Miñones e Isabel González, e o concelleiro do grupo dos non adscritos Anxo Doval.

Ao acto tamén asistiron os representantes das principais asociacións de comerciantes de Ames. Deste xeito, asistiron o presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Boulebar, José Manuel Fernández; a presidenta da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro (AEMI), Dolores Mella, e o presidente da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Juan Carlos Zaera.

Tras percorrer as instalacións do centro, o rexedor amiense subliñou que “hoxe é un día importante para Ames, xa que se pon en marcha este centro e se inicia a formación de 27 persoas desempregadas”. Santiago Amor agradeceu o traballo desenvolvido polos técnicos municipais e destacou que “no difícil momento económico que vivimos, o Concello de Ames fai unha importante aposta pola formación e polo emprego”. “É unha prioridade na axenda do Concello”, engadiu.

O alcalde de Ames tamén agradeceu a colaboración da Consellería de Traballo e do Concello de Brión, “un apoio que permite traballar e buscar solucións para as principais demandas e preocupacións dos nosos veciños e veciñas”. Na mesma liña se manifestou o rexedor de Brión, José Luís García, que subliñou “que para acadar resultados a única forma é unirnos e colaborar, algo no que Ames e Brión xa teñen experiencia e no que seguiremos afondando”.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Taller de empleo para Ames y Brión al que Traballo destina 240.000 euros"
La Voz de Galicia: "Arranca el taller de empleo para 27 alumnos de Ames y Brión"
El Correo Gallego: "O centro de formación de Ames bota a andar coa posta en marcha do obradoiro de emprego Encontro Verde"