Pestanas principais

O cemiterio municipal de Ames reabre as súas portas este luns, 1 de xuño

Sábado, 30 de maio de 2020

O Concello de Ames vén de anunciar a próxima reapertura do cemiterio municipal dos Batáns para o próximo luns, 1 de xuño. Logo do peche das instalacións, por mor da crise sanitaria da Covid-19, o cemiterio volve abrirse dende o próximo luns en función da situación actual, na fase 2 da desescalada no camiño cara a nova normalidade. O cemiterio municipal de Ames reabre no seu horario habitual, de luns a domingo de 10:00 a 18:00 horas. Dende o Concello de Ames lembran a importancia de extremar as precaucións e que se cumpra coas normas establecidas de distanciamento interpersoal, uso de máscaras e evitar as aglomeracións.

O próximo luns, 1 de xuño, o cemiterio municipal de Ames reabre as súas portas e faino no seu horario habitual todos os días (incluídos sábados, domingos e festivos) de 10:00 a 18:00 horas. Nas instalacións lévanse a cabo traballos de vixilancia, mantemento e atención ao público, ademais dos servizos de enterramento e velorio.

Neste sentido, o Concello de Ames lembra que nesta fase 2 da desescalada, os velorios poderán realizarse cun límite máximo, en cada momento, de vinte e cinco persoas en espazos ao aire libre ou quince persoas en espazos cerrados, sexan ou non convivintes. Para os enterros, restrínxese a un máximo de vinte e cinco persoas, entre familiares e achegados, ademais de, no seu caso, o ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto.

En canto ás medidas de hixiene e seguridade, o Concello de Ames lembra a importancia de seguir extremando as precaucións e que a veciñanza cumpra coas normas establecidas no momento actual que estamos a vivir. Así, deberase gardar a distancia de seguridade entre persoas, evitar tocar os elementos comúns do cemiterio e é obrigatorio o uso de máscara nas instalacións.

Instalacións do cemiterio
O cemiterio municipal dos Batáns abriu as súas portas en agosto de 2017, despois das obras de acondicionamento que se realizaron para a súa posta en funcionamento. Hai que lembrar que o cemiterio foi recibido o 29 de xaneiro do 2010, pero por mor dunhas deficiencias observadas polos técnicos municipais e da posterior demanda do Concello, nunca chegou a abrirse ao público. A través das obras realizadas acondicionáronse as instalacións, co arranxo das rúas do camposanto, os nichos, tumbas, panteóns e columbarios, así como a área de estacionamento. Ademais, acondicionouse a sala velorio, que tamén se pode usar como capela de culto, a sala de autopsias, e realizouse un cambio de luminarias que permite un aforro do 50% da enerxía inicialmente necesaria.

Outro dos cambios significativos foi a mellora da seguridade. Incrementouse a vixilancia da Policía Local sobre estas instalacións e colocáronse cámaras de seguridade que gravan nas zonas exterior e interior do cemiterio. Neste mesmo senso, pechouse o acceso ao recinto cun portal que non deixe entrar vehículos no horario no que está pechado o camposanto. Estas actuacións adoptáronse co obxectivo de que estas instalacións non volven a sufrir actos vandálicos no futuro.  

Mellora dos accesos
A Xunta de Goberno Local aprobou o pasado mes de marzo a adxudicación do expediente de licitación das obras de pavimentación do viario de acceso ao cemiterio municipal. Deste xeito, vaise mellorar o pavimento da estrada que vai dende a rotonda de Aldea Nova ata a entrada do cemiterio municipal. Os traballos, cunha lonxitude de 330 metros e 6,00 metros de ancho, pretenden a mellora da capa de rodaxe, previa reparación de fochancas e previo emprego de dez centímetros de saburra, dez de grava e un tratamento asfáltico semiprofundo en ampliación do ancho da superficie pavimentada a ambos lados.

Procesos de adxudicación
Tralo proceso de adxudicación de unidades de enterramento feito en 2018, no que se adxudicaron 6 concesións por un período de 25 anos e 10 concesións por un período de 75 anos, o Concello volveu abrir en xaneiro de 2019 unha nova convocatoria de solicitude de unidades de enterramento de forma directa, na que se realizaron 10 novas concesións. En total, autorizáronse 26 adxudicacións de unidades de enterramento.

A convocatoria de solicitude de unidades de enterramento fíxose mediante un proceso áxil e directo, e que lle permitiu a aqueles/as interesados/as en adquirir algunha das unidades, aproveitar o resultado da adquisición do ano anterior sen ter que ir a un concurso público. Rematado este trámite directo, o goberno municipal púxose a traballar na apertura dun novo proceso de licitación para este ano 2020, no que se fixarán os prezos de adxudicación de cada unidade.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "O cemiterio municipal de Ames reabre as súas portas este luns"

reapertura_cemiterio