Pestanas principais

O Celta de Vigo realiza unha visita institucional á Casa do Concello de Ames

Venres, 08 de marzo de 2019

[08-03-2019] O Real Club Celta de Vigo vén de realizar unha visita institucional á Casa do Concello de Ames. Nesta visita participaron o presidente do club, Carlos Mouriño, o director da fundación Celta de Vigo, Germán Arteta, e Lidia Caride, do departamento comercial e marketing. O alcalde e concelleiro de Deportes, Jose Miñones, e mailo presidente do Milladoiro SD, Vicente “Checho” González, recibíronos no salón de plenos. Esta vista enmárcase dentro da colaboración que manteñen ambas institucións e que se reflicte no organización todos os veráns do campus de fútbol da Fundación Celta de Vigo, no que tamén colabora de xeito moi importante o Milladoiro SD.


O Real Club Celta de Vigo quixo agradecer a colaboración que mantén co Concello de Ames na organización dos campus de fútbol que organiza dende o ano 2014 no campo municipal de fútbol do Milladoiro. Deste xeito, o presidente do club vigués, Carlos Mouriño, o director da fundación Celta de Vigo, Germán Arteta, e Lidia Caride, do departamento comercial e marketing, achegáronse ata ata a Casa do Concello, onde foron recibidos polo alcalde e concelleiro de Deportes, Jose Miñones, e mailo presidente do Milladoiro SD, Vicente “Checho” González.

Neste acto o presidente do Celta de Vigo entregoulle ao alcalde unha camiseta do equipamento do equipo vigués, mentres que Miñones entregoulles de agasallo un libro con fotografías do concello e un prato coa “A” de Ames, elaborado pola artesá do encaixe Ana Rosa Lista, veciña de Ortoño. Ademais, Carlos Mouriño asinou no libro de sinaturas do Concello de Ames.

Dende o ano 2014 o Concello de Ames e o Milladoiro SD colaboran coa Fundación Celta de Vigo na organización do campus de verán de fútbol, co obxectivo de que os nenos e nenas amesás practiquen deporte e se divirtan nas vacacións. Este campus está dirixido a nenos e nenas de 4 a 16 anos e desenvólvese nas instalacións do campo municipal de fútbol do Milladoiro. As clases son impartidas por adestradores titulados e licenciados na disciplina do Real Club Celta de Vigo.

O obxectivo é o ensino e o perfeccionamento de tódolos conceptos relacionados co fútbol e o deporte. Os nenos reciben unha formación técnica especializada de primeiro nivel nun ambiente de xogo e entretemento imprescindible para a súa aprendizaxe. Emprégase un sistema de aprendizaxe rotativo que divide o traballo en catro áreas diferentes: coordinación; técnica/táctica; multideporte; e competición. Nas últimas edicións, o campus finalizou cunha visita ás instalacións do Estadio de fútbol de Balaidos.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "A directiva do Celta visitan o concello de Ames"