Pestanas principais

O CEIP de Barouta e a Aula da Natureza do Concello de Ames están a realizar un amplo traballo de recuperación do xeito de vida en Ames no pasado

Mércores, 08 de abril de 2020

urante este curso 2019-2020, o CEIP de Barouta está realizando, xunto coa Aula da Natureza do Concello de Ames, un amplo traballo de recuperación do xeito de vida en Ames no pasado recente. Desta maneira, a Aula da Natureza deseñou unha enquisa que foi repartida entre o alumnado do colexio, para que a cubriran preguntándolles aos seus avós, avoas, bisavós ou veciños maiores. Agora, coas enquisas todas cubertas, xa se comezan a recompilar os datos e analizar os resultados. 

Este traballo de investigación realizado pola Aula da Natureza e o CEIP de Barouta foi repartido entre os diferentes cursos do colexio. Así, ás crianzas de Educación Infantil asignóuselles cancións e refráns e á rapazada de primeiro e segundo de Primaria, a tarefa de investigar sobre os alimentos, que se comía, que cousas había na casa e que se mercaba, cando e onde se facía a compra, en que se levaban os alimentos, quen cociñaba e como eran as cociñas.

Asemade, as rapazas e rapaces de terceiro e cuarto de Primaria investigaron sobre a distribución da terra, os labores na horta, labores no monte, os animais, as árbores e os seus usos e a organización das aldeas. Mentres que o alumnado de quinto e sexto de Primaria realizou unha curiosa investigación para tentar de ver o fenotipo predominante no noso concello ou, ao menos, parte do mesmo. Foron os encargados de observar o tipo de nacemento de pelo, ollos, presenza de pecas, forma das orellas ou das mans... etc. Os resultados serán comparados, na medida do posible, cos de outras zonas do concello.

Cambios nos hábitos de alimentación e na maneira de facer as compras

Rematado o análise das enquisas de primeiro e segundo de Primaria, este ofrécenos unha moi boa mostra do cambio nos hábitos de alimentación, na maneira de facer as compras, ou que alimentos eran considerados naquel momento como un luxo.

Baseándose nas porcentaxes de resposta das enquisas, sinalase, como regra xeral, que nunha casa de fai uns anos había patacas, bastantes verduras e millo. Tamén era frecuente o centeo, e en menos medida, o trigo e a avea.

Habitualmente, tamén había animais para matar, porcos sobre todo. E en canto aos ovos e o leite, adoitaban vir da propia casa.
Os produtos máis demandados á hora de mercar eran o aceite, o azucre, a sal, garavanzos, café e pasta. Pero esta última, non de calquera tipo, xa que o habitual eran os fideos. A roupa, os zocos e o xabón tamén eran produtos con alta demanda.

En canto á maneira de facer a compra, eran habituais as tendas de ultramarinos que se atopaban nas tabernas. Nas enquisas, lémbrase á Casa Rufino de Pontemaceira, a Praza de Santiago, a feira de Negreira. Incluso hai quen se lembra de Rosa, unha señora de Roxos que viña polas aldeas en burra vendendo azucre.

A carne, era sobre todo de porco da casa, que se mantiña en sal. No caso de comprala, esta era reservada para festas e tratábase de tenreira. Mentres que no caso do peixe, eran as peixeiras de Noia as que viñan polas portas ofrecendo principalmente xurelos, sardiñas e bacallau. Incluso anguiachos, as veces polbo e berberechos. Ademais, era frecuente pagar en “especies”, é dicir, intercambiar uns produtos con outros. No caso das peixeiras, era habitual cambiar o peixe por ovos.

En relación a como se facía a compra, o 99% das respostas ás enquisas sinalan que andando. De feito, hai ata quen menciona distancias de 16 quilómetros. Pero tamén hai quen a facía en burro ou en autobús. O normal era levar cestos na cabeza ou na man para ir a comprar.

Quen cociñaba nas casas e como se cociñaba

Respecto a quen cociñaba nas casas, destaca que non hai nin unha soa mención nas enquisas a un home cociñando. Só cociñaban a diario as mulleres, fundamentalmente as avoas seguidas das nais. Pero os días de festa axudaban tamén outras mulleres da casa.

Os pratos que se comían a diario eran moi pouco variados. Fundamentalmente, caldo, papas de millo ou trigo, bolos de pote, bros, ovos e tortillas. Aínda que tamén hai quen sinala nas respostas ás enquisas as fabas, os guisos, o peixe ou os potaxes. Nas festas, sobremesa con rosca ou queixo con marmelo. 

Nas cociñas, tíñase só lareira con trepia ou xa se tiña incorporada a cociña económica. Non faltaba un chineiro, unha lacena ou un cunqueiro e a mesa con bancos corridos. Ademais en todas as enquisas remarcase a falta de neveira e que esta se suplía gardando os alimentos co caixón con sal.

Os pratos de “luxo”

Como pratos de “luxo” nos fogares da época destacan os callos, arroz ou fideos con polo, ou a carne de tenreira. Pero hai quen tamén menciona un produto que tamén consideramos como “luxo” actualmente: o marisco.

En canto aos pratos que mais gustaban: os bistés, os callos, as chulas e as papas.

Está programada unha representación deste pasado recente de Ames por parte do alumnado participante no proxecto

Despois da recollida e análise de enquisas, estaba programada unha representación, por parte de todo o alumnado participante no proxecto, deste pasado recente de Ames.

Aínda que as circunstancias que estamos a vivir non permiten saber con claridade se poderá ser durante este curso, o que si está claro é que se fará, aínda que se pospoña para principios do ano que ven.

Mentes tanto, moitas rapazas e rapaces encóntranse nos fogares realizando receitas típicas deses anos pasados cos seus maiores. Entre elas, as papas de millo, os bolos de pote, as chulas, a morcilla, as xoubas con patacas e pementos, os callos, a empanada de millo ou os freixós. Toda receita é boa se pode realizarse cos nosos maiores nestes tempos de confinamento nos fogares. Podes consultalas no documento anexo ao pé desta nova.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Alumnos de Ames estudan a forma de vida no pasado do municipio"

CEIP de Barouta