Pestanas principais

O CEIP de Barouta convida a Valentim Fagim a un chocolate para falar sobre a desgaleguización do alumnado

Sábado, 20 de outubro de 2018

[20-10-2018] O vindeiro martes, 23 de outubro, os membros do colexio de Educación Infantil e Primaria de Barouta convidarán a un chocolate quente ao profesor da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, Valentim Fagim, que compartirá cos asistentes unha charla sobre a diminución do uso do galego entre os cativos e cativas.


O CEIP de Barouta acollerá o vindeiro martes, 23 de outubro, unha charla sobre a desgaleguización do alumnado, na que se reflexionará sobre os motivos que posibilitan que un gran número de nenos galegofalantes muden ao castelán e o papel que xoga a escola nese proceso.

A xornada, que leva como título “Un chocolate con...”, contará coa presenza de Valentim Fagim, profesor da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela. Así, a partires das 18.30h na biblioteca do centro, o profesor e os asistentes poderán mostrar as súas impresións sobre a situación sociolingüística da comunidade educativa, a muda lingüística entre os cativos e cativas, así como reflexionar sobre as causas e solucións de dito proceso.

Esta iniciativa encádrase dentro do programa de charlas formativas e divulgativas que o CEIP de Barouta celebra unha vez por trimestre, dende fai dous anos, para favorecer o encontro coa comunidade de alumnos/alumnas e familias. Con este mesmo obxectivo, o colexio realiza, tamén de maneira trimestral, asembleas abertas para escoitar as dúbidas e suxestións dos pais e nais, así como actividades de diversas temáticas como o magosto, o outono ou o entroido.