Pestanas principais

O CEIP de Barouta celebrou o Día Mundial da Radio cun programa especial en colaboración co CPI Virxe da Cela de Monfero

Xoves, 07 de marzo de 2019

[07-03-2019] Ao gallo do Día Mundial da Radio, celebrado o pasado 13 de febreiro, o alumnado do CEIP de Barouta e do CPI Virxe da Cela de Monfero colaboraron na realización dun programa de radio especial con entrevistas, reportaxes e moitas reflexións. Os rapaces e rapazas visitaron as instalacións de Ames Radio o venres 8 de febreiro, onde levaron a cabo a gravación do programa. Esta non é a primeira actividade radiofónica na que interveñen os e as nenas/os de ambos centros, posto que participan en varias actividades relacionadas coa radio ao longo do curso.

O mércores 13 de febreiro, dez alumnos e alumnas do CEIP de Barouta de Ames e do CPI Virxe da Cela de Monfero conmemoraron o Día Mundial da Radio a través da radio interescolar Radio Ferouta. O proxecto trátase dunha coprodución radiofónica entrambos centros, na que os alumnos e alumnas verten todo o aprendido sobre este medio de comunicación ao longo do ano, nos diversos laboratorios de radio que realizan nos seus centros. Así, a través desta iniciativa buscouse crear sinerxías entre ambos centros.

As instalacións de Ames Radio foron testemuño da realización de Radio Ferouta, un programa especial no que o alumnado non só entrevistou a xornalistas como Gorka Zumeta e Nazaret López, senón tamén contou coa portavoz do premiado proxecto de Aspace A Coruña “La Radio de los Gatos”, e realizou diversos reportaxes sobre o consumo da radio entre os e as cativas da súa idade, ou a evolución do medio. Así, ao longo de case 30 minutos, os rapaces e rapazas reflexionaron sobre conceptos como o diálogo, a tolerancia ou a paz a través das ondas. Cabe destacar que os cativos e cativas fixéronse cargo tanto da locución como da idea, a evolución do guión e a produción do programa.

Laboratorio de radio
O alumnado de ambos centros xa conta con certa experiencia no medio radiofónico, adquirido en diversas actividades realizadas ao abeiro dos laboratorios de radio impartidos por Lucía Barrategui e Sergio Pascual. Asemade, con motivo da semana de Rosalía de Castro, o alumnado de Barouta elaborou outro programa especial arredor da figura da poetisa, que foi emitido na gala celebrada o 24 de febreiro.

Así, os nenos e nenas do CEIP de Barouta que cursan a partir de 3º de primaria contan cunha materia na que, mediante a radio, exercitan o traballo grupal, a investigación, a locución, a gravación e a edición. Así, o alumnado que participa desta materia divídese en cinco grupos, segundo o seu traballo se centre na redacción, locución, gravación, edición ou contidos. Desta maneira, búscase trasladar o método de traballo da radio profesional a Radio Barouta, na que o alumnado é o motor do proceso.

Con esta iniciativa, os cativos e cativas poden compartir experiencias e problemáticas comúns que non ven reflexas na radio ou medios tradicionais. Neste senso, os nenos salientan a diversión, a transmisión de coñecementos e intereses, a facilidade para coñecer xente e a escoita activa como os puntos fortes da radio escolar.