Pestanas principais

O CEIP de Barouta acolle ata o día 28 de abril unha exposición do CEIDA sobre as áreas mariñas protexidas

Venres, 17 de abril de 2015

[17-04-2015] O CEIP de Barouta acolle entre os días 17 e 28 de abril unha exposición denominada “Áreas Mariñas Protexidas”. Trátase dunha mostra elaborada polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) coa finalidade de achegar este concepto ao público en xeral e á sociedade. Esta mostra foi solicitada a comezos de curso por parte do centro escolar ao CEIDA. Unha vez foi concedida encargáronse de ir recollela e montala no segundo andar do colexio. Ademais, completaron a exposición con outros elementos do mar e cunha mostra de cunchas.


Esta exposición, que está sendo visitada polo alumnado do colexio, está composta por 23 paneis informativos e unha peza audiovisual de 19 minutos de duración. A través desta mostra preténdese sensibilizar aos rapaces e rapazas da importancia do mar e do litoral como patrimonio esgotable e recurso espiritual, cultural e económico, así como que coñezan a figura das “Áreas Mariñas Protexidas” como eficaz estratexia de conservación do mar e o litoral.

Por outra banda, preténdese que os alumnos e alumnas coñezan a importancia que ten a conservación do mar. Nesta exposición ofrécese información sobre a situación actual das Áreas Mariñas Protexidas e outros temas arredor delas. Esta información estrutúrase en catro bloques: recursos do mar; problemáticas de conservación; a pesca en Galicia; e as Áreas Mariñas Protexidas.

Esta exposición forma parte do Programa Amares para promover a explotación sostible dos recursos mariños, por acordo subscrito entre as Consellerías de Pesca e Asuntos Marítimos, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.