[19-07-2011] O alcalde amiense, Santiago Amor, acompañado do concelleiro de Educación, Alfonso Rey, da concelleira de Asociacionismo, Igualdade, Muller e Xuventude e do tenente de alcalde Ramón G. Argibay, visitaron esta mañá as instalacións do colexio de Barouta. Os membros do goberno estiveron acompañados tamén por técnicos municipais así como por Teresa Noya, a directora do centro. O motivo desta visita é comprobar o estado do colexio así coma ver as necesidades que se presentan nel de cara ao vindeiro curso, o CEIP Barouta terá por primeira vez servizo de comedor escolar, bos días cole e tardes divertidas.
O goberno do Partido Popular quixo dotar ao CEIP Barouta dos mesmos servizos que teñen o resto dos colexios amienses, por iso o vindeiro curso será o primeiro no que este centro ofrecerá o servizo de comedores escolares, o Bos días cole e o Tardes Divertidas. O goberno municipal fai unha importante e clara aposta pola conciliación da vida laboral e familiar e ten un compromiso firme na prestación dos servizos complementarios.
Listaxe para apuntarse
Todos aqueles pais e nais que desexen acceder ao servizo de comedores no CEIP Barouta poden apuntarse nos servizos de educación do concello de Ames nunha listaxe. Os nenos rematan as clases ás dúas da tarde, o servizo de comedores prolongará a súa estancia no colexio ata as catro e media da tarde e despois deste tamén poderán gozar do servizo de Tardes Divertidas.
A visita dos membros do equipo de goberno a Barouta ten o "obxectivo de coñecer as necesidades das instalacións de cara ao vindeiro curso escolar e poñer todo a punto para prestar os mellores servizos", explica o alcalde, Santiago Amor. Coa incorporación de Barouta agora son todos os colexios do concello de Ames os que ofrecen servizos de conciliación e de comedores.
Contido relacionado
El Correo Gallego:"El CEIP de Barouta tendrá servicio de comedor este año"




