[19-08-2013] O concelleiro de Educación, Bernardo Moar, visitou esta semana o CEIP Agro do Muíño no que se están acometendo obras de mellora de accesibilidade para alumnos/as con mobilidade reducida. Despois de que o Concello de Ames lle solicitase á Xunta de Galicia a realización de dita obra, neste momento estase acometendo a instalación dunha rampla que conecta o edificio do centro educativo co patio de Infantil. O obxectivo destas obras é mellorar o acceso de todos os nenos e nenas, eliminando os obstáculos que se atopaban os cativos á hora de saír ao patio.
Bernardo Moar amosou a “satisfacción pola realización destes traballos, moi necesarios para garantir o desprazamento ata o patio de alumnos/as con mobilidade reducida”. O concelleiro lembrou que a instalación desta rampla “é unha vella demanda da comunidade educativa e do Concello”. Bernardo Moar lembrou que o pasado mes de maio, o xefe territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Indalecio Cabana Leira, visitou o Concello de Ames, onde puido coñecer a situación e as necesidades dos centros educativos do municipio, entre eles, o de Agro do Muíño.
Estes traballos no CEIP Agro do Muíño únense aos que o Concello, a través dun convenio asinado coa Deputación da Coruña, acometerá neste centro educativo. No Agro do Muíño repoñeranse as luminarias do ximnasio e modificarase a apertura do portal de entrada de vehículos, que pasará a ser corredoira. Mentres, no comedor introduciranse melloras na zona de lavado de vaixelas.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Una rampa facilitará los accesos entre el colegio Agro do Muíño y su patio"