[22-11-2017] O alumnado do segundo e do terceiro curso de Primaria do CEIP Agro do Muíño recibiu hoxe un pequeno agasallo: unha nova obra da familia Bolechas centrada no Concello de Ames e na igualdade. Na presentación, estiveron a concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, e a directora do Centro de Información á Muller de Ames (CIM), María Teresa Arufe. A iniciativa busca promover a importancia do respecto, da igualdade, da empatía e da autoconfianza entre as máis cativas e cativos do noso concello. Os exemplares serán repartidos, ao longo destes días, entre o alumando de 2º e 3º curso de Educación Primaria de todos os centros escolares de Ames.
Nesta historia, María Teresa Arufe e Mónica Antelo, directora e subdirectora, respectivamente, do Centro de Información á Muller de Ames (CIM), reciben unha visita moi especial, a da familia Bolechas. Ambas serán as encargadas de ensinarlle aos Bolechas o CIM, así como diferentes puntos do noso concello, ao tempo que aproveitan a visita para darlles consellos arredor da igualdade. Deste modo, o conto introduce diferentes cuestións como a existencia de diversos modelos de familia ou a importancia da corresponsabilidade nas tarefas domésticas. Cada exemplar, inclúe tamén unha pequena guía con exercicios para que as nenas e nenos realicen após a lectura da obra.
O obxectivo desta iniciativa é traballar a igualdade de xénero xunto con conceptos como a tolerancia, o respecto, a empatía, a autoestima ou a autoconfianza. A concelleira de Servizos Sociais e Igualdade, Luísa Feijóo, destaca a importancia dunha educación libre de estereotipos de xénero: “É importante educar ás novas xeracións no bo trato, na igualdade entre homes e mulleres e no respecto e no coidado entre as persoas independentemente do seu sexo. Con este conto, o Concello de Ames busca implicarse no proceso de sensibilización e de concienciación das cativas e cativos, apoiando, deste xeito, o fomento dunha educación non sexista”. O conto será repartido entre o alumnado de 2º e 3º de Primaria de todos os centros escolares de Ames.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Os Bolechas, en Bertamiráns"
El Correo Gallego: "Presentan la obra de Os Bolechas centrada en Ames"




