- Tematica
A Xunta de Galicia escolleu un colexio de Ames, o CEIP Agro do Muíño, para presentar esta mañá a Lei de Educación Dixital de Galicia. O acto estivo presidido polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e contou coa presenza do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, do alcalde de Ames, Blas García, da concelleira de Educación, Beatriz Martínez, da directora do CEIP Agro do Muíño, Mari Carmen Liñares, e de concelleiros e concelleiras do grupo municipal do Partido Popular de Ames. Trátase dunha norma inédita no Estado que regula por primeira vez o dereito á desconexión dixital do alumnado e o uso da intelixencia artificial nas aulas.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a futura Lei de educación dixital de Galicia converterá á comunidade en pioneira a nivel estatal ao contar cun marco legal integral para “ensinar, protexer e acompañar” a toda a comunidade educativa e abordar por primeira vez o conxunto do ensino dixital. Así o asegurou hoxe nunha visita ao CEIP Agro do Muíño, onde se presentou o texto, que aspira a entrar en vigor en 2027, e onde o titular do Executivo galego incidiu en que o obxectivo é apostar por un modelo híbrido que compaxine novas tecnoloxías e papel e crear espazos de “convivencia, aprendizaxe e progreso”.
Rueda, que estivo acompañado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, e polo alcalde de Ames, Blas García, subliñou que Galicia volve ser pioneira ao dar resposta aos retos actuais do ensino cunha estratexia clara que busca que o alumnado acade competencias dixitais sen perder capacidades fundamentais como a lectura, a escritura correcta ou a concentración. Nesta liña resaltou “as oportunidades” que ofrecen as novas tecnoloxías ben utilizadas. “A tecnoloxía non merma o talento, poténciao”, sinalou.
O alcalde de Ames, Blas García, comezou a súa intervención “agradecendo o traballo que se está facendo desde a Consellería de Educación no concello de Ames que é o concello máis xove de Galicia. É moi importante que a Xunta sexa pioneira en presentar esta lei porque dá unha garantía aos mestres e mestras e ás familias, que en moitas ocasións non sabemos como xestionar o uso das novas tecnoloxías. Estamos nunha época de cambio e a tecnoloxía é unha ferramenta que temos que saber usar de xeito correcto, pero tampouco debemos de esquecernos de usar os libros, ambas son ferramentas necesarias no ensino”.
Ademais, Blas García engadiu “a tecnoloxía debe estar ao servizo das persoas. É unha ferramenta cada vez máis poderosa e, precisamente por iso, tamén máis perigosa se non se emprega con responsabilidade. Temos a obriga de acompañar o avance tecnolóxico coas regulacións necesarias para garantir a seguridade nas aulas e nos fogares, promovendo un uso consciente, responsable e beneficioso para toda a sociedade”.
Modelo de ensino híbrido
O obxectivo da Xunta de Galicia é establecer un marco legal sobre os dereitos e deberes do conxunto da comunidade educativa (administración, centros, familias e alumnado) e consolidar o modelo galego de ensino híbrido para preservar o uso de recursos físicos e garantir que os estudantes ostenten as competencias dixitais básicas para desenvolverse na sociedade actual dun xeito seguro, crítico e competitivo.
Neste sentido, Alfonso Rueda explicou que Galicia se sitúa á fronte de España ao regular aspectos como o dereito á desconexión dixital do alumnado fóra da xornada escolar; a regulación dos exames virtuais no ensino público non universitario; ou o uso da Intelixencia Artificial (IA) nas aulas, establecendo límites claros.
Sobre este último punto, o presidente da Xunta foi tallante ao asegurar que “a IA nunca vai substituír a un mestre”. Pola contra, definiuna como unha aliada que poderá axudar ao profesorado á hora de personalizar o ensino e detectar de xeito precoz posibles dificultades no alumnado.
Uso progresivo e protección do menor
A nova norma establece tamén a necesaria adecuación da tecnoloxía ao grao de madurez do estudante e á etapa educativa. Así, en Educación Infantil e nos primeiros cursos de Primaria o uso será colectivo e compartido, reservando o uso individual de dispositivos para o alumnado a partir de 5º de Primaria.
No que respecta aos dispositivos móbiles, a Lei reforza a prohibición xa vixente e eleva a esixencia para o seu uso pedagóxico, que só se permitirá a partir de 3º da ESO. A nova norma establece tamén a prohibición de gravar as clases por parte do alumnado e as familias, salvo autorización expresa previa, e tamén que a transformación dixital da educación en Galicia será sometida a unha avaliación permanente para seguir introducindo melloras.
Esta lei enmárcase dentro dunha estratexia global que inclúe o proxecto EdugalIA para a xestión intelixente de datos —permitindo, por exemplo, anticiparse ao abandono escolar— e o Plan de benestar dixital, que promove o equilibrio entre o uso da tecnoloxía, a saúde emocional e o desenvolvemento persoal dos estudantes.
Esta transformación dixital aséntase sobre un modelo de éxito baseado na equidade e a excelencia que converte Galicia na única comunidade onde a educación é gratuíta desde a escola infantil ata a universidade.
Novas relacionadas
El Correo Gallego: "Rueda presenta en Ames la nueva Lei de Educación Dixital de Galicia, que será pionera en España"

















