[07-04-2015] Arredor de 150 alumnos do IES de Bertamiráns participaron esta mañá nunha charla que impartiu o Catedrático de Medicina Legal e experto internacional en xenética, Ángel Carracedo. O científico falou do xenoma humano e da medicina forense.
A conferencia enmárcase dentro da programación que está desenvolvendo este centro de ensinanza dentro da semana da ciencia. Ademais, ao longo desta semana desenvolveranse outras actividades relacionadas coa ciencia. Deste xeito, haberá outra charla, pero nesta ocasión impartida por María Victoria Otero Espinar, decana da facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela.
Por outra parte, o alumnado de 1º e 2º da ESO están participando nunhas saídas medio ambientais coordinadas pola técnico da Aula da Natureza do Concello de Ames. Nesta saídas, que comezaron hoxe, están visitando unha zona do curso do río Sar que é Rede Natura, onde se están levando a cabo diferentes técnicas de biorestauración. Ademais, visitaron a depuradora de Sisalde, situada en Ortoño, onde lles explicaron o proceso de depuración da auga.
Por último, o alumnado de 1º e 2º da ESO tamén participará nunhas xornadas de portas abertas nos laboratorios do IES de Bertamiráns onde os profesores e profesoras desenvolverán diferentes prácticas con eles.




