Pestanas principais

O campo municipal de Bertamiráns acolle este domingo a final do Trofeo de fútbol Concello de Ames

Xoves, 13 de xuño de 2013

[13-06-2013] Este domingo 16 de xuño, ás 19:00 h, dispútase a final do XXXII Trofeo de fútbol Concello de Ames 2013. A final xogarase no campo municipal de Bertamiráns entre o Bertamiráns FC e o Biduído SR. Con este partido ponse fin ás competicións oficiais da temporada 2012-2013. O Bertamiráns FC accedeu á gran final despois de gañarlle na semifinal ao Ortoño CF, mentres que o Biduído SR gañoulle na outra semifinal ao Bugallido FC. Neste torneo participaron seis equipos amienses.

Como cada ano, antes de finalizar a tempada, o Concello de Ames, en colaboración cos clubs de fútbol federados do concello, organizaron o Trofeo de Fútbol Concello de Ames. Este campionato xa está consolidado no municipio amiense posto que xa se levan disputadas trinta e dúas edicións. O próximo domingo remata o torneo coa gran final que enfronta ao Bertamiráns FC contra o Biduído SR.

Neste torneo participan todos os equipos federados de Ames. En total foron seis os equipos que participaron este ano nesta competición. Os equipos do CSD Ames, Biduído SR e Ortoño CF estiveron encadrados no grupo A, mentres que o Agrón FC, Bertamiráns FC e Bugallido FC formaron o grupo B.

Na fase de grupos cada equipo disputou dos partidos. O primeiro e segundo equipo de cada grupo clasificáronse para as semifinais. Cómpre destacar que no grupo A pasaron as semifinais o Ortoño CF con 6 puntos e o Biduído SR con 3 puntos. No grupo B clasificáronse o Bugallido FC e o Bertamiráns FC, ambos os dous con 4 puntos. O Bertamiráns FC accedeu á gran final despois de gañarlle 3-2 ao Ortoño CF, mentres que o Biduído SR e o Bugallido FC empataron a cero goles, pero na quenda de penaltis impúxose o Biduído SR por 6-5.

Reparto dos ingresos
Para este torneo os equipos puideron contar cos xogadores que xa tiñan fichados para as súas respectivas ligas. Cada club puido inscribir para este trofeo un máximo de 25 xogadores e tivo que presentar, xunto coa solicitude de inscrición, a copia de todas as fichas que inscribiu.

Os ingresos dos partidos da semifinal e final (entradas, rifas, etc.), repártense a partes iguais entre os clubs que disputan esta fase do torneo. Na final, a cada equipo dánselle 25 entradas e os prezos para todo o torneo quedan estipulados da seguinte forma: 3 euros para todos. Así mesmo os clubs comprométense a darlle 25 entradas ao Concello para a final.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "O campo municipal de Bertamiráns acolle este domingo a final do Trofeo de fútbol Concello de Ames"