Pestanas principais

O campo de fútbol do Milladoiro acollerá os días 21 e 22 de abril unha proba de Agility que é puntuable para o campionato de España

Mércores, 11 de abril de 2018

[11-04-2018] Esta mañá presentouse no Pazo da Peregrina unha proba de Agility da Real Sociedade Canina de España, que se desenvolverá no campo de fútbol do Milladoiro os días 21 e 22 de abril. Trátase da primeira proba puntuable para o campionato de España que se celebra no concello de Ames. Está organizada polo club canino Amizar Agility e nela colaboran o Concello de Ames, a S.D. Milladoiro, a empresa Arion e maila clínica veterinaria A Media Lúa. A presentación desta iniciativa correu a cargo do alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, do presidente da S.D. Milladoiro, Vicente “Checho” González, así como do vicepresidente, José Antonio Pereiro, e tesoureiro, Diego Manuel Rivademar, do club canino Amizar Agility. Dita proba contará coa presenza do xuíz internacional portugués Jorge Pires. As inscricións pecharanse o xoves 19 de abril.


Categorías e graos de competición
A competición presenta tres categorías diferentes, en función do tamaño dos cans. Desta maneira, a categoría mini inclúe aqueles animais cuxo salto non supera os 30 centímetros, mentres que a categoría midi engloba aqueles outros cuxo salto acada alturas de 45/50 centímetros. A terceira das categorías é a categoría estándar, na que se inclúen os cans que conseguir facer saltos de ata 60 centímetros.

Da mesma maneira, as competicións tamén teñen graos. O primeiro destes graos está dirixido a aqueles cans que aínda están empezando no agility, mentres que o segundo representa un nivel intermedio. O terceiro dos graos é a máxima categoría neste deporte, cunhas maiores esixencias para os animais e cunhas pistas de maior dificultade.

Ademais, cada un destes graos ten dúas probas diferenciadas: o jumping e o agility. Así, o jumping está conformado por circuítos nos que as zonas de contacto (bancos, ramplas, aros...) non están presentes, polos que neles os animais alcanzan velocidades máis elevadas. O agility, pola súa banda, si que ten presentes as zonas de contacto, que os cans están obrigados a tocar no desenvolvemento da proba.

Horarios e inscrición na proba de agility
Os cans estarán divididos nas categorías estándar e mini/midi para os graos 1, 2 e 3. O sábado, 21 de abril, a competición comezará ás 16:30 horas coas probas correspondentes ao grao 1, a continuación, ás 17:15 horas, desenvolverase a correspondente ao grao 2, e de seguido a do grao 3. O domingo, 22 de abril, comezarase ás 10:00 horas coas probas correspondentes ao grao 1. De seguido realizaranse as probas dos graos 2 e 3. Os horarios poden variar segundo o número de participantes. Dita proba contará coa presenza do xuíz internacional portugués Jorge Pires. É obrigatorio presentar cartilla de puntuacións e levar consigo a cartilla veterinaria dos cans. As cartillas devolveranse despois da entrega de trofeos.

As inscricións pecharanse o xoves 19 de abril. Para tramitar as inscrición pódese enviar un correo electrónico ao enderezo amizaragility@gmail.com. O importe da proba é de 12€ día/can e 6€ día/segundo can e seguintes do mesmo competidor. O pago de inscricións realizarase en mesa por un representante do club. Para máis información tamén se pode chamar ao número de teléfono 618 290 778, pertencente a Juan Muñíz do club canino Amizar agility.

O club canino Amizar Agility, en colaboración co Concello de Ames, a S.D. Milladoiro, a empresa Arion e maila clínica veterinaria A Media Lúa, organiza unha proba dobre puntuable para o campionato de España 2019 da Real Sociedade Canina de España os días 21 y 22 de abril de 2018 no campo de fútbol do Milladoiro. Dita proba rexerase pola normativa R.S.C.E. A través desta proba trátase de dar a coñecer este deporte, que é moi vistoso, e que cada vez conta con máis clubs caninos e persoas que o practican.

O alcalde e concelleiro de Deportes, José Miñones, dixo “gustaríame agradecer, antes de nada, a súa colaboración ao Milladoiro S.D. por ter cedido o seu campo para esta competición. De igual maneira, quero pór en valor a importancia da colaboración entre as distintas entidades, necesaria para o desenvolvemento de iniciativas de diferente índole. Neste sentido, o Milladoiro S.D. e o club canino Amizar Agility xa tiñan colaborado previamente, durante a celebración do partido benéfico organizado no campo do Milladoiro en decembro, coa realización dunha exhibición de agility que, por certo, gustou moito entre as persoas asistentes”. O alcalde de Ames quixo aproveitar a súa intervención para animar a toda a veciñanza do concello a que se achegue a ver as competicións.

O tesoureiro do club canino Amizar Agility, José Antonio Pereiro, destacou que “desde o club canino Amizar Agility queremos agradecer a posibilidade que nos brinda o Milladoiro S.D. ao cedernos o seu campo, xa que acostuma ser moi complicado conseguir instalacións con estas características. Para nós é unha grande satisfacción poder organizar esta proba, que nos permite darnos a coñecer como asociación, ao tempo que difundimos este deporte, aínda pouco estendido entre as veciñas e veciños do concello”.


Contido relacionado


Lindeiros: "O campionato de España de agility pasa por Ames"