Pestanas principais

O campamento urbano de verán remata cunha gran festa na Aula da Natureza

Venres, 20 de xullo de 2012

[20-07-2012] A Aula da Natureza acolleu esta tarde a festa coa que rematou o campamento urbano de verán organizado polo Concello de Ames e no que participaron 27 nenos e nenas de entre 6 e 13 anos. Á festa asistiron familiares dos rapaces que formaron parte deste campamento, así como o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Medio Ambiente, Eugenia Martín, e o concelleiro de Educación, Bernardo Moar.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Medio Ambiente, deseñou este campamento, pensado para as tardes de parte do mes de xullo e chamado Tardes ao Natural. Trátase dunha iniciativa pioneira no municipio que espertou o interese de moitos rapaces e rapazas do concello.

Nesta celebración de despedida, realizáronse concursos, unha divertida entrega de premios e unha merenda. Primeiro, os rapaces e rapazas máis maiores (padriños e madriñas) participaron nun obradoiro de elaboración de cócteles saudables, que impartiu a técnica-psicóloga do programa de prevención de drogodependencias, Sagrario Ferreira, mentres que os nenos e nenas máis pequenos (afillados/as) prepararon algo para merendar ao final da festa.

A continuación realizouse o gran concurso final do campamento. O primeiro día do campamento os rapaces e rapazas quedaron emparellados como padriño/madriña e afillado/a. Todos os días do campamento urbano os padriños/madriñas e afillados/as dispuxeron dun anaco de tempo para falar e coñecerse co fin de participar no gran concurso final do campamento. Este concurso consistiu en ir facendo diferentes preguntas a cada membro da parella (padriño/madriña e afillado/a) para saber cal das parellas se coñecía mellor. Posteriormente, fíxose entrega dos premios do concurso, así como doutros diplomas do campamento.

Tras a entrega de premios houbo unha merenda para todos os nenos e nenas que participaron neste campamento e para os seus familiares. Cómpre destacar a colaboración de FEIRACO que achegou diversos produtos lácteos para completar a merenda dos rapaces.

Durante as xornadas do campamento urbano, os nenos e nenas aprenderon a elaborar xabróns e papel reciclado. Tamén coñeceron diferentes técnicas de supervivencia na natureza e participaron en dúas excursión pola ruta de Riamontes e pola ruta do Tambre. Estas actividades realizáronse en horario de tarde, entre as 16:00 e a 20:00 horas.



Contido relacionado


El Correo Gallego: O campamento urbano de verán de Ames remata cunha festa na Aula da Natureza