Pestanas principais

O campamento Os Biocos recibe este luns a 43 rapaces e rapazas de Ames

Martes, 19 de xullo de 2011

[19-07-2011] Un ano máis, os nenos e nenas amienses de 6º de Primaria diríxense coas maletas cargadas ao campamento Os Biocos, situado en San Xoán de Río, Ourense. Espéranos 6 días de intensa actividade onde realizarán múltiples tarefas e desenvolverán coñecementos nesta oferta lúdica do Concello de Ames onde o principal protagonista será o espazo. 43 rapaces e rapazas comezaron este luns a súa aventura espacial na que aprenderán, interactuarán e se divertirán descubrindo cos seus propios ollos aquilo que os rodea.

Cheos de ilusión e cos nervios propios da viaxe, os nenos e nenas amienses aparecían pouco a pouco nas paradas de Bertamiráns e Milladoiro onde o transporte os esperaba para vivir unha nova experiencia. Coas mochilas cargadas de felicidade e co desexo de pasar unha semana chea de divertimento, os pequenos e pequenas de Ames ían subindo ao autobús tras o reconto de asistentes e a confirmación dos medicamentos que debían levar. Dende os seus asentos, levantaban as mans para despedirse por última vez, neste día, dos seus pais e nais que atentamente vixiaban que todo estivese en orde e que os seus meniños levasen todo o que precisan.

Durante seis días, os rapaces e rapazas de Ames non terán tempo de botar de menos os seus fogares posto que estarán continuamente facendo actividades. Por unha semana os seus fogares serán a Casa dos Amigos, a Casa da Ciencia, a Aula da Natureza e a Casa das Estrelas. Trátase de establecementos nos que os pequenos e pequenas amienses realizarán obradoiros e xogos, contarán con un laboratorio científico onde aprender e realizar pequenos experimentos, observarán as estrelas e coñecerán, de primeira man, os elementos que compoñen a natureza. O obxectivo deste campamento é que a rapazada aprenda en base á experiencia, ensinar dende a práctica, o mellor método para que adquiran novos coñecementos.

Por cada 7-10 asistentes o albergue Os Biocos terá un monitor que estará pendente do coidado dos rapaces e rapazas. Porén, os nenos e nenas amienses tamén contan coa compaña de dúas monitoras que colaboran con eles en outras actividades organizadas polo Concello. Estas profesionais serán as encargadas de tratar máis de preto coa rapazada, de administrar os medicamentos e controlar as alerxias a certos alimentos que teñen algúns dos asistentes. Para aqueles e aquelas que teñan restrinxidos certos alimentos, o campamento pon a súa disposición menús adaptados supervisados polos pais e nais dos afectados/as.

Seis días de divertimento e aprendizaxe espacial

O albergue dos Biocos, xestionado pola empresa Altega, caracterízase por ofrecer servizos educativos de calidade que conta con docentes especializados en pedagoxía e especialistas con ampla experiencia en orientación, astronomía e interpretación da natureza. Entre outras actividades realizarán observacións nocturnas e diúrnas ao espazo, a construción de reloxos de Sol e de radiotelescopios caseiros, unha introdución á astrobioloxía e a astrofotografía, a interpretación de imaxes planetarias, etc. Entre as actividades máis tradicionais destacar a busca do tesouro en GPS, o tiro con arco, o sendeirismo e moitos máis instantes de entretemento que non deixarán nin sequera un oco para o aburrimento.

Tras unha semana de aventuras e novas experiencias, os nenos volverán a Ames o próximo sábado en torno ás 19.00h. Os pequenos e pequenas de 6º de Primaria vanse facendo maiores polo que o ano que vén pasarán a formar parte da mocidade. Remata aquí unha etapa e comeza un novo ciclo onde os xa mozos amienses poderán asistir a actividades de maior duración e distancia respecto dos seus fogares. A ampla oferta lúdica e educativa coa que conta o Concello de Ames permite que os pais e as nais poidan conciliar debidamente o seu traballo e a súa vida familiar e que os rapaces e rapazas do municipio estean entretidos durante a tempada estival.