Pestanas principais

O campamento de patinaxe e hockey “Verán sobre Rodas” comeza a próxima semana

Venres, 23 de xuño de 2017

[23-06-2017] O “Verán sobre Rodas” comeza a próxima semana no concello de Ames. Durante a última semana de xuño e ao longo do mes de xullo, nenas e nenos, entre os 4 e os 16 anos de idade, poderán gozar do patinaxe, así como doutras actividades como o hockey ou o tiro con arco. O campamento desenvolverase en Bertamiráns (pavillón e piscinas municipais) e no Milladoiro (CEP de Ventín), de luns a venres, entre as 8:30h e as 14:30 horas.

A nova edición do “Verán sobre Rodas”, comeza xa na vindeira semana, o día 26 de xuño. Organizado polo Concello de Ames e o Bertamiráns FC, o “Verán sobre Rodas” non é só un campamento de patinaxe e hockey, senón que abarca moitas outras actividades, como zumba, tiro con arco, xogos grupais, manualidades ou mesmo obradoiros de reciclaxe. En Bertamiráns, tamén haberá actividades na piscina municipal. Ademais, unha das novidades deste ano é a incorporación dunha profesora de inglés que realizará as actividades en lingua inglesa, combinándoas coa aprendizaxe do idioma.

Alén diso, cada semana haberá unha sorpresa distinta: desde unha visita da ambulancia da Cruz Vermella, a unha obra de teatro, un mago ou mesmo masterclass doutros deportes. O campamento está dirixido a nenas e nenos entre os 4 e os 16 anos de idade; e inclúe tamén un seguro deportivo, así como merenda, bebida e froita fresca todos os días.

O “Verán sobre Rodas” desenvolverase de luns a venres (a excepción dos festivos locais), en horario de 08:30h a 14:30 horas. A inscrición e o pagamento débense realizar na tenda de deportes Amesport de Bertamiráns. O prezo por participante é de 50 euros (unha semana) e de 80 euros (a quincena), cun desconto dun 30% por segundo e terceiro membro participante e por quincena adicional (non acumulable). O seguro deportivo vai incluído no prezo do campamento.