Pestanas principais

O Camiño a Santiago da Ría de Muros-Noia promove o seu itinerario no Fairway 2019

Luns, 11 de febreiro de 2019

[11-02-2019] A Feira dos Camiños de Santiago “Fairway 2019” acolleu esta mañá a reunión da Mesa de Traballo do Camiño da Ría de Muros-Noia correspondente ao mes de febreiro. Un encontro no que participaron representantes dos nove Concellos implicados na oficialización deste itinerario xacobeo: Ames, Brión, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rois e Santiago de Compostela. Nesta xuntanza deuse conta dos avances realizados para conseguir o recoñecemento do itinerario cultural a Santiago da Ría de Muros-Noia.

A concelleira de Promoción Económica e Turismo do Concello de Ames, Isabel González, asistiu esta mañá á xuntanza da agrupación de Concellos do Itinerario Cultural a Santiago da Ría de Muros-Noia. Nesta reunión dese conta dos últimos pasos dados na consecución o obxectivo da oficialización do Camiño.  

Neste senso, xa se lle entregou ao conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, unha copia do traballo Recompilación e análise da documentación histórica. Camiño de peregrinación a Santiago de Compostela da Ría de Muros-Noia que o conselleiro recibiu moi positivamente, polo que seguirán mantendo reunións con Patrimonio para axilizar a emisión do informe sobre a historicidade do Camiño.

Así mesmo, esta mañá concretouse que xa está en marcha o proxecto de delimitación do trazado do Camiño a Santiago da Ría de Muros-Noia. Un traballo que conta cun orzamento de preto de 20.000 euros e que estará finalizado de cara a este verán. Neste sentido, explicouse que os técnicos que traballen na delimitación do trazado terán reunións periódicas para ir consensuando o trazado, de xeito que os concellos implicados neste proxecto terán coñecemento de todo o que se faga. 

Ademais, informouse dunha reunión coa Travesía Náutica Xacobeo e anunciáronse novas reunións con Navega o Camiño e a ruta O Cabaleiro das cunchas de cara a formalizar un convenio para canalizar as entradas náuticas de peregrinos pola ría e así poder obter a Compostelá. Neste sentido, tamén se pedirá unha reunión co Arcebispado para que se poda obter a Compostelá realizando este Camiño. Ademais, a asociación tamén manterá unha reunión coa Deputación da Coruña, hoxe representada en Faiway polo deputado Antonio Leira.

Finalmente, os representantes municipais deron conta dos avances na tramitación dos estatutos da Asociación de Concellos do Camiño a Santiago da Ría de Muros-Noia. Deste xeito, quedouse en avanzar en ditos estatutos de cara á próxima reunión para que se poidan comezar a levar aos respectivos Plenos municipais a partir do próximo encontro.

Participantes
Á reunión da Mesa de Traballo do Camiño da Ría de Muros-Noia asistiron a concelleira de Promoción Económica e Turismo do Concello de Ames, Isabel González; os alcaldes e alcaldesas de Lousame, Teresa Villaverde; Noia, Santiago Freire Abeijón; Porto do Son, Luis Oujo Pouso; e Muros, María Xosé Afonso. Tamén acudiron o primeiro tenente de alcalde de Rois, Manuel dos Santos, e o edil de Espazos Cidadáns de Santiago, Jorge Duarte Vázquez, así como os técnicos de Turismo de Brión e Serra de Outes.

O encontro desenvolveuse no stand do Camiño a Santiago da Ría de Muros-Noia en Fairway 2019, xestionado polo Xeodestino Ría de Muros-Noia, financiado pola ARD Ría de Muros-Noia e atendido pola Asociación de Amigos do Camiño da Ría de Muros-Noia. A través deste espazo preténdese ofrecer a profesionais e público xeral que se acoden a esta cita unha visión institucional desta candidatura e do traballo que concellos e asociacións están realizando para conseguir a oficialización deste trazado xacobeo, xa que o produto turístico final pretende ser lanzado no Xacobeo 2021.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Camino de Santiago por la ría de Muros-Noia inicia su andadura en la feria Fairway"
La Voz de Galicia: "El Camino por Muros-Noia comienza a definirse"