Pestanas principais

“O camiño de Santiago”, unha historia de fraternidade que chega a Ames da man do programa Apego

Mércores, 22 de setembro de 2021

A casa da Cultura de Milladoiro acolle o venres, 24 de setembro, ás 18:00 horas a representación de “O camiño de Santiago”, un musical da compañía Educateatro dirixido a nenos e nenas de 2 anos. A obra, que chega a Ames da man do programa Apego, aborda a construción do vínculo fraterno. Os convites pódense adquirir na billeteira municipal.  

O camiño de Santiago está protagonizado por dous irmáns, Mariña e Santiago, e polos seus compañeiros, o cabalo Branco e a gatiña, Lupe. Mariña e Santiago non saben xogar xuntos e será a través dos soños que aprendan a facelo. Cada noite, irmán e irmá viven un feixe de aventuras até chegar ao Castelo Máxico, que non é outro que a Catedral de Santiago, onde deberán atopar un tesouro agochado.

Nesa viaxe nocturna, os dous irmáns repasarán contos e cancións e observarán como os personaxes das súas historias van cobrando vida a medida que avanza  a aventura.

No traxecto aprenderán a verse e a escoitarse, a aceptarse tal como son e a mudar egoísmo por solidariedade. No remate  da aventura, ao espertaren,  os dous irmáns estarán unidos e terán aprendido, por fin, a xogar xuntos.   

Protagonizada por Paulo Medal e Almudena Zurita, Educateatro fai neste espectáculo musical de pequeno formato, un percorrido que recolle os contos e as cancións máis emblemáticas da compañía.

cartaz

Multimedia

  • cartaz