[09-06-2014] O campo municipal de Bertamiráns acolleu onte pola tarde a final do XXXIII Trofeo de fútbol Concello de Ames 2014. O Bugallido FC impúxose na final ao Bertamiráns FC por 2-1. Con este partido púxose fin ás competicións oficiais da temporada 2013-2014. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, foron os encargados de facer entrega dos trofeos ao campión e ao subcampión. Ademais, o sábado pasado o Bertamiráns FC celebrou o seu 80 aniversario cun programa específico de actos.
Nesta exposición pódense ver as fotografías dos equipos que conseguiron o ascenso a Terceira División e á Liga Galega Infantil. Ademais, hai infinidade de trofeos, como os 7 títulos de Liga logrados na tempada pasada, o trofeo de campión de 1ª Autonómica do 2009/2010, as 2 Copas do Sar que ten este club, así como as copas do Concello de Ames. Esta exposición estará aberta ao público este luns, 9 de xuño, de 16:30 h a 20:30 horas.
De seguido, celebrouse a comida conmemorativa na que se recoñeceu as achegas feitas por cinco ex-presidentes deste club: Juan José Fernández Bermúdez; Manuel Capeáns Fernández; Manuel Ferreiro Muíño; Jesús Carrera Vázquez; e Manuel Paz Paz. Á súa vez, realizouse un emotivo recoñecemento para un dos fundadores do Bertamiráns FC, Valentín Reinoso García. Neste caso recolleu a placa o seu fillo, Valentín Reinoso Mariño, de mans do actual presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño.
O momento máis emotivo da celebración foi o discurso do presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, ao cal os asistentes lle brindaron un sonoro aplauso.
Este sábado pasado o Bertamiráns FC celebrou o seu 80 aniversario. Nestes actos participaron o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Deportes do Concello de Ames, Eugenia Martín, o xerente da Fundación Deporte Galego, Javier Rico, o secretario xeral da Federación Galega de Fútbol, Diego Batalla, así como toda a familia do Bertamiráns FC.
Os actos comezaron na capela da Peregrina, onde a Xunta directiva do club acompañada das autoridades municipais e federativas realizou unha ofrenda floral á virxe da Peregrina. A continuación, desprazáronse ata o Pazo da Peregrina onde a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, o secretario xeral da Federación Galega de Fútbol, Diego Batalla, e o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, inauguraron unha exposición que recolle fotografías e varios trofeos gañados durante os 80 anos de vida do Bertamiráns FC.
XXXIII Trofeo de fútbol Concello de Ames
Como cada ano, antes de finalizar a tempada, o Concello de Ames, en colaboración cos clubs de fútbol federados do concello, organizaron o Trofeo de Fútbol Concello de Ames. Este campionato xa está consolidado no municipio amiense posto que xa se levan disputadas trinta e tres edicións. Neste torneo participaron todos os equipos federados de Ames. En total son cinco os equipos que participaron este ano nesta competición.
Na fase previa o Bugallido FC gañoulle 5-1 ao Agrón FC. Posteriormente, o domingo 1 de xuño disputáronse as semifinais deste torneo. O Bertamiráns FC accedeu á gran final despois de gañarlle na semifinal ao Biduído SR, mentres que o Bugallido FC gañoulle na outra semifinal ao Ortoño CF. Por último, este domingo pasado, 8 de xuño, disputouse a final do XXXIII Trofeo de fútbol Concello de Ames. A final tivo lugar no campo de fútbol municipal de Bertamiráns, ás 19:00 horas, entre o Bertamiráns FC e o Bugallido FC. Foi un partido moi disputado. Finalmente o encontro decidiuse a favor do Bugallido FC, que gañou por 2-1.