Pestanas principais

O BNG solicita ao goberno de España coñecer as actuacións concretas que emprenderá para corrixir as numerosas eivas detectadas nas obras de humanización do Milladoiro

Mércores, 28 de xaneiro de 2026

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, presentou o pasado 26 de xaneiro varias preguntas ao Ministerio de Transportes en relación ás obras de humanización do Milladoiro. A 29 de Decembro do 2025 foi publicado na web municipal do concello de Ames o trámite administrativo de recepción das obras. Mais, “atendendo ás evidentes
deficiencias das obras executadas polo adxudicatario e que, por tanto, non pode considerarse a actuación como correctamente finalizada, deberan examinarse as accións necesarias para lograr un remate adecuado”, explica  Rego.

De todos é coñecido as eivas desta obra que superou os catro millóns de euros de investimento, entre elas:falta de medidas de seguridade para  persoas con discapacidade, pasos de peóns e marquesiñas sen nivelar, carencias no axardinamento, acabados defectuosos, deficiencias na pintura de sinalización de pasos de peóns, falta de seguranza na colocación de semáforos e outros elementos verticais,  pintura xa estragada, etc...

“Por iso o que solicitamos dende o BNG é coñecer que actuacións concretas emprenderá  o Ministerio para corrixir os numerosos defectos detectados”. sinala Escarlata Pampín, voceira do BNG de Ames. Os nacionalistas consideran que “se pode valorar a non devolución e, de ser o caso, executar a retención da garantía definitiva, mentres persistan defectos de execución imputábeis ao contratista e non teñan sido emendados conforme ás esixencias técnicas e contractuais” Apunta Pampín.

Despois de numerosas preguntas e solicitudes de información ao goberno municipal, o BNG recorre ao executivo central co fin de solucionar canto antes e de xeito efectivo a deficiencias no remate das obras de humanización no Milladoiro co obxectivo de que a veciñanza vexa  mellorada  a súa  mobilidade e  seguranza.

O BNG solicita ao goberno de España coñecer as actuacións concretas que emprenderá para corrixir as numerosas eivas detectadas nas obras de humanización do Milladoiro