As deputadas do BNG, Iria Carreira e Mercedes Queixas, levarán ao Parlamento de Galiza a necesidade urxente de acometer melloras no conxunto patrimonial de Ponte Maceira, declarada Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de monumento no ano 2022, e de reforzar a seguridade na estrada autonómica AC-544, que une Bertamiráns e Negreira.
Sinalización na AC-544
No que respecta á estrada AC-544, de titularidade autonómica, a deputada nacionalista, Iria Carreira asegurou á veciñanza que levará ao Parlamento a necesidade de reforzar a sinalización e establecer medidas que permitan aos peóns cruzar a vía con seguridade, especialmente na zona de Reino, onde levan dúas décadas reclamando solucións. A perigosidade deste tramo agrávase en días de choiva ou néboa, cando a mala visibilidade supón unha seria ameaza para viandantes e condutores.
En xaneiro do ano 2011 a Xunta de Galiza anunciaba que se estaba a executar a redacción do proxecto técnico para impulsar a execución dun paso superior que permitise o cruce do viario nun punto que dispón de tres carrís. En palabras da voceira do BNG de Ames, Escarlata Pampín, “a día de hoxe nada sabemos dese proxecto e a situación agrávese día a día”
A deputada, Iria Carreira denunciou que “non é de recibo que a Xunta de Galiza leve décadas sen atender unha situación da que é coñecedora precisamente pola insistencia das veciñas e veciños de Trasmonte a través dos seus escritos ó longo dos últimos 20 anos”
Conservación Ponte Maceira
O conxunto histórico-cultural de Ponte Maceira, que recibe cada ano milleiros de peregrinos e turistas, presenta numerosas deficiencias que afectan tanto á conservación do seu patrimonio como á seguridade das persoas visitantes e da veciñanza. Así o salientou Queixas, durante unha visita a Ponte Maceira, acompañadas por representantes do BNG de Ames e Negreira.
Entre as principais carencias detectadas na contorna de Ponte Maceira, Mercedes Queixas denuncia que “non está garantida a conservación e protección deste BIC e, polo tanto trasladaremos a demanda de actuar sobre o mal estado da presa da zona de baño, que supón un risco para os bañistas e a necesidade de abordar un plan integral de conservación para esta contorna incluíndo os antigos muíños, os piares históricos, as zonas de paseo e acceso, e a vexetación de ribeira”
Escarlata Pampín, denunciou ademais que a Xunta de Galiza anunciou en 2023 un proxecto para a reconstrución da antiga presa do Tambre, do que non se volveu ter noticias. Por iso insistiu na necesidade de que que se acometa a súa restauración.
Ademais, a falta de aparcadoiros é unha preocupación recorrente, xa que os milleiros de visitantes que chegan en vehículos particulares ou autobuses non dispoñen de espazos axeitados, o que xera atascos e situacións de perigo tanto para condutores como para peóns. Outra demanda reiterada é a limitación do tránsito de vehículos pola ponte ou a necesidade de contar cuns aseos públicos nesta zona tan visitada.






