Pestanas principais

O BNG defende traspasar o tramo ferroviario entre Fraiz e A Moniña ao Concello de Ames e convertelo nunha senda verde

Martes, 07 de outubro de 2025

O concello de Ames conta cun tramo de vía ferroviaria en desuso entre Fraiz e A Moniña que permanece abandonado desde hai anos. Este espazo, que foi no seu momento unha infraestrutura de transporte estratéxica, converteuse na actualidade nun antigo camiño de ferro en progresivo deterioro. 

A súa recuperación e posta en valor permitiría xerar un novo espazo para a mobilidade sustentábel da veciñanza e unha oportunidade de dinamización do territorio. A creación de itinerarios para o tránsito peonil contribúe á mellora da calidade de vida, á promoción de hábitos saudábeis e á posta en marcha de alternativas de mobilidade non contaminantes. Do mesmo xeito  suporía un punto para o recordo xa que na construción desta vía participaron prisioneiros de guerra e presos políticos.

Por todo isto, o BNG considera de interese público que o Goberno do Estado proceda ao traspaso da titularidade deste tramo ao Concello de Ames, de xeito que a administración local poida asumir a súa conservación, posta en valor e transformación nun recurso útil e beneficioso para os veciños e veciñas.

“Esta solicitude ao Goberno do Estado formaba parte do acordo político polo que o Grupo Municipal do BNG de Ames facilitou coa súa abstención a aprobación dos orzamentos 2024, deste punto do acordo, ao igual que doutros, a día de hoxe non sabemos nada”, explica a voceira do BNG de Ames, Escarlata Pampín.

O BNG defende traspasar o tramo ferroviario entre Fraiz e A Moniña ao Concello de Ames e convertelo nunha senda verde