Pestanas principais

O BNG de Ames pide explicacións ao goberno local ante un posible vertido contaminante no paseo fluvial de Bertamiráns

Venres, 20 de febreiro de 2026

No día de onte, no ámbito do paseo fluvial de Bertamiráns, apreciábanse indicios compatibles cun episodio de contaminación ambiental de especial gravidade, consistentes na presenza de residuos sólidos dispersos, acumulación de lodos e sedimentos, así como a emisión de cheiros intensos e persistentes, perceptibles en distintos puntos do itinerario fluvial.

Estes feitos poderían constituír un atentado contra o dominio público hidráulico e contra o medio ambiente, con potenciais repercusións negativas sobre a calidade das augas, os ecosistemas asociados ao curso fluvial e a saúde pública das persoas usuarias do Paseo Fluvial.

Os nacionalistas reclaman un seguimento exhaustivo da situación e que se apliquen correctamente todos os protocolos co obxectivo de devolver o río  Sar ao seu estado anterior mediante as medidas de restauración que se estimen necesarias. 

A preocupación do BNG de Ames ante esta situación  levou ós nacionalistas á presentar por rexistro as seguintes cuestións: 

1.-Ten constancia o Concello da existencia deste episodio de vertido ou contaminación no paseo fluvial de Bertamiráns?

2.- Foi informada ou actuou  Augas de Ames, na zona afectada? Solicitase que de ser así se acheguen informes.

3.- Realizáronse inspeccións técnicas, toma de mostras ou analíticas para a determinación da natureza, composición e grao de perigosidade dos residuos e lodos detectados?

4.- Dispón o Concello de información sobre a posible orixe do vertido?

5.- Que medidas correctoras e preventivas se teñen adoptado ou se prevén adoptar para a eliminación dos residuos, a restauración ambiental da zona afectada e a prevención de novos episodios semellantes?

O BNG de Ames demanda que tamén nesta vertedura se investiguen con rigor a orixe, o alcance e as consecuencias.

O BNG de Ames pide explicacións ao goberno local ante un posible vertido contaminante no paseo fluvial de Bertamiráns