No pleno de setembro de 2025 o concelleiro do BNG de Ames, Alexandre Espinosa, preguntáballe ao alcalde se ía persistir no seu erro de non convocar á persoa que realmente é delegada de persoal e que provocou a condena, Blas García contestáballe que a sentenza estaba recorrida e que el actuaba legalmente. A ratificación da condena por parte do Tribunal Superior de Xustiza pon de manifesto a mala práctica do alcalde que lle vai custar ao Concello 15.000 euros.
Os feitos remóntase ao ano 2024, cando o alcalde de Ames, como presidente do Consello de Administración da EPEL, lle encomendou ao delegado de persoal que convocase unha reunión para que as persoas traballadoras da Entidade Pública Empresarial Augas de Ames elixiran en votación quen as ía representar no Consello de Administración. Segundo os estatutos da EPEL, este nomeamento debe recaer sobre o delegado ou a delegada de persoal elixido nas eleccións sindicais, polo que non cabía a posibilidade de escoller outro traballador ou traballadora, ao estar vixente o mandato do delegado da CIG. Aínda así unhas semanas despois realizouse unha votación “que non cumpría co marco lexislativo correspondente”, sendo elixida para o Consello de Administración unha persoa distinta ao delegado de persoal.
Por estes feitos a CIG presentou denuncia na Inspección de Traballo por vulneración do dereito á liberdade sindical e posteriormente unha demanda de tutela de dereitos fundamentais, ao non atenderse as súas lexítimas reclamacións. O xulgado deulle á razón á CIG, deixando en evidencia que o alcalde, na súa calidade de presidente do Consello de Administración da EPEL, manobrou para apartar o delegado da CIG “e substituílo por unha persoa máis afín aos seus intereses, que, entre outros, era o nomeamento da exconcelleira de Podemos, Genma Otero Uhía como xerente da entidade. Este nomeamento aprobouse finalmente en xuño de 2024 co voto de calidade do alcalde; todos os partidos da oposición: BNG, Espazo Común e Partido Popular, votaron en contra.
Naquel momento o BNG de Ames xa manifestou serias críticas ó procedemento por falta de transparencia, documentación e información, sobre os méritos recoñecidos á candidata proposta. Así como votando en contra de todas as actas das sesións que estaban irregularmente convocadas -como confirma a sentenza por vulneración de dereitos-, mentres que o resto da oposición votou xuntamente co PSOE.
Malia a contundente sentenza do Social, Blas García insistiu neste tipo de práctica antisindical e está pendente de sentenza outra demanda presentada pola CIG por vulneración da liberdade sindical do actual delegado de persoal.





