“A negativa do alcalde a respectar o regulamento non só supón unha falta de respecto aos grupos da oposición, senón que deteriora gravemente o funcionamento democrático da Corporación e o dereito da veciñanza a unha representación política xusta e transparente”, declara a voceira do BNG de Ames Escarlata Pampín.
Debido a esta situación, a formación nacionalista esixe formalmente ao alcalde que cumpra e faga cumprir o Regulamento Orgánico Municipal, “garantindo un reparto equitativo e regulado das intervencións, e velando polo bo funcionamento institucional do Pleno, que debe ser o espazo central do debate político no Concello” manifesta Escarlata Pampín.
No regulamento Orgánico Municipal (ROM), aprobado definitivamente no ano 2016, os tempos de intervención están claramente establecidos e a orde das quendas debe seguir criterios obxectivos e igualitarios. “A presidencia do Pleno non pode actuar en función de intereses partidistas, xa que “o que parte e reparte, quédase coa mellor parte”, e iso non é admisible nunha institución democrática” afirman os nacionalistas.





