Pestanas principais

O BNG de Ames esixe investimentos e planificación en deporte

Martes, 27 de maio de 2025

Tras unha xuntanza mantida cos clubs e asociacións deportivas, nas que se expuxeron as carencias e necesidades coas que se atopan diariamente, o BNG de Ames presentará ao pleno deste mércores 28 de maio  unha moción para  reclamar  que se actúe decididamente en materia deportiva.  “A promoción do deporte e de ocupación do tempo libre é unha competencia propia das entidades locais. Os Concellos deben investir en deporte como prevención en saúde física e mental. Ademais de fomentar os bos hábitos nas condutas adolescentes”, manifesta a Voceira Escarlata Pampín.

Na moción, o BNG  pide que a Concellaría de Deportes realice un documento no que se analicen,dun xeito exhaustivo, as prioridades e necesidades das infraestruturas deportivas. Así como que se estableza unha planificación concreta con previsión dos investimentos en instalacións deportivas no concello en cada ano desde o presente e, polo menos, ata final do actual mandato municipal. 

“O Goberno Municipal ten que elaborar un  Plan de Mantemento das instalacións deportivas de cara a evitar que se produzan estragos indesexados que ocasionen graves prexuízos nas infraestruturas e tamén, en consecuencia, nos clubs deportivos e nas asociacións que fan uso delas”, afirma Escarlata.  “Teñen que compartir con estas entidades os proxectos de mellora das instalacións antes da súa execución para asegurar,de xeito conxunto, a idoneidade dos mesmos. Hai que evitar actuacións non efectivas que, en moitos casos, empeoran as condicións das instalacións para a práctica deportiva das persoas usuarias”, engade.

A moción do BNG pide tamén que a curto prazo, e ante a falta de espazos para a práctica deportiva, se fagan as xestións oportunas para que se poidan empregar, por parte dos clubs e asociacións, tódolos pavillóns dos centros educativos do  concello. “Por exemplo, no pavillón do CEIP A Maía non é posible levar a cabo a práctica deportiva de xeito efectivo durante os días de choiva e vento,que son moitos,  xa que non conta co peche dos laterais adecuado e o chan resulta esvaradío e perigoso, explica Pampín.

 O BNG de Ames considera que se deben empregar os pavillóns municipais para eventos non deportivos, unicamente cando sexa inevitable e, no caso de facelo, proceder do xeito máis áxil posible coa posta e retirada do chan de goma para causar os menores prexuízos posibles ós clubs e asociacións deportivas que teñen que cancelar os seus adestramentos.

O BNG de Ames esixe investimentos e planificación en deporte