Pestanas principais

O BNG de Ames defende unhas festas máis inclusivas e sostibles cunha moción que foi aprobada por unanimidade

Venres, 27 de xuño de 2025

Dende o BNG de Ames, piden que se establezan medidas para limitar o uso das bombas de palenque e doutros elementos de pirotecnia ruidosa nas festas organizadas ou apoiadas polo Concello de Ames, especialmente nas primeiras horas da mañá e en días de alto risco de incendio, segundo a clasificación da Xunta de Galicia. Consideran que estes elementos poden provocar ansiedade, estrés ou mesmo respostas físicas intensas, xerando situacións de malestar que, en ocasións, obrigan a persoas ou familias enteiras a abandonar o entorno festivo. 

Os animais sofren tamén as consecuencias dos estalidos: prodúcenlles taquicardia, tremores, falta de aire, náuseas, perda de control, medo e mesmo a morte. As aves reaccionan con pánico, desorientación, cambios de conduta ou abandono de niños.  Os can e os gatos adoitan sentir tal terror que ao tentar fuxir  poden ser vítimas de accidentes ou perderse.

Por estes motivos, solicitan tamén recomendar ás comisións de festas e ás empresas organizadoras que empreguen alternativas máis inclusivas e sostibles, como espectáculos de luces, pirotecnia silenciosa ou de baixo impacto acústico.

Cómpre recordar ademais que o uso de pirotecnia durante o verán, nun contexto de cambio climático e aumento do risco de incendios, supón un perigo engadido para a seguridade cidadá e o medio natural.

Por outra banda, o Grupo Municipal do BNG, preocupado pola xestión da área de educación, presentou unha pregunta por escrito para ser respondida en pleno sobre o motivo polo que dende a Concellaría de Educación do Concello de Ames non solicitaron a subvención do programa Plan Corresponsables no ámbito local (SI436A). Esta axuda viña sufragando o custo dos servizos de conciliación nun contexto, ademais, no  que dende o Goberno Municipal teñen manifestado que este servizo é deficitario. A resposta do alcalde foi simplemente “non se presentou porque houbo un despiste no departamento á hora de presentar esa subvención”.

 “Non é honesto estarlle subindo as cotas ás familias escusándose no déficit  do servizo, mentres o goberno municipal non realiza unha xestión rigorosa que implica perder ingresos tan importantes como os desta axuda”,  sinalou a concelleira nacionalista, Rosalía Seijas.

 En relación a isto, Escarlata Pampín, voceira do BNG de Ames, subliña que “preocúpanos o rumbo que está a tomar a área de educación, debido a varios feitos: como o atraso na posta en marcha da cociña central imputable ao Concello, tal e como manifesta o contratista; o sobrecusto desta cociña debido a este atraso ou á non substitución da técnica de educación”.

O BNG de Ames defende unhas festas máis inclusivas e sostibles cunha moción que foi aprobada por unanimidade