Durante a sesión plenaria do Concello de Ames, a portavoz e concelleira do Bloque Nacionalista Galego, Escarlata Pampín, e a concelleira nacionalista, Rosalía Seijas, advertiron da “falta de transparencia, previsión e responsabilidade económica” do goberno socialista en proxectos clave como o Centro da Mocidade do Milladoiro e na xestión ordinaria das contas municipais.
Pampín lembrou que o proxecto do Centro da Mocidade, incluído no Plan Impulsa Ames con financiamento europeo FEDER, leva anos marcado por atrasos, modificacións e anuncios baleiros: “O PSOE incumpriu os acordos políticos asinados e trae agora a pleno un suplemento de crédito de máis de 550.000 euros a través dun préstamo do que non coñecemos as condicións. A propia interventora alerta de que pode poñer en perigo a estabilidade orzamentaria do Concello”.
A voceira nacionalista subliñou: “Para que todo o mundo o entenda, corremos o risco de, por un lado, ter que devolver medio millón de euros a Unión Europea á vez que pagamos outro medio millón, máis os xuros correspondentes, do préstamo solicitado. Todo isto a maiores dos sobrecustos que se foron acumulando dende o nacemento deste proxecto”.
Pola súa parte, Rosalía Seijas centrou a súa intervención na “falta de planificación derivada de non contar con orzamento municipal para 2025”. A concelleira explicou que, mentres non se aproban novas contas, “o único que vemos son continuas transferencias de crédito, auténticos remendos improvisados que amosan a incapacidade do goberno para negociar unhas contas serias”. Seijas puxo como exemplo o sobrecusto nas festas: “En 2024 había unha partida de 150.000€, pero gastaron todo e agora precisan 78.650€ máis, o que supón un incremento do 52,43%. En total, as festas custáronlle ao Concello 228.650 €”. Para a edil nacionalista, este caso é ilustrativo da xestión socialista: “falta de previsión, gasto descontrolado e ningunha vontade de transparencia”.





