[10-02-2011] Xa van tres anos desde que a Biblioteca Municipal puxo en marcha unha ferramenta dixital coa que comunicarse coa cidadanía dun xeito máis directo e dar a coñecer as súas actividades. O blog ten medrado ao longo do tempo ata incluír un canal propio en youtube, unha páxina na coñecida rede social facebook e a posibilidade de sindicación de lectura de novas a través de lectores RSS e a subscrición ao correo electrónico persoal. O espazo dixital que serve de noticiario das súas actividades levan publicadas ata o de agora un total de 129 noticias (44 publicadas no ano 2008, 41 no 2009 e 38 no 2010). Ademais este blog recibiu 6.187 visitas de 3.614 usuarios/as.
A Biblioteca Municipal de Ames emprega habitualmente unha ferramenta de comunicación que acaba de cumprir tres anos: o seu blog. O 9 de febreiro de 2008 publicábase a primeira noticia neste blog, que se presentaba como un escaparate comunicativo, e que nacía coa intención de difundir entre os usuarios/as das bibliotecas as novas e actividades relacionadas con este servizo.
Desde esa data foron publicadas un total de 129 noticias, 44 no 2008, 41 no 2009 e 38 no 2010. A páxina rexistrou 6.187 visitas neste tempo, sendo 3.614 usuarios/as os que pasaron polo blog cunha media de 1,36 minutos. Durante estes tres anos o número medio de visitas por día foi de 5,6 usuarios/as. O 43% dos visitantes repiten a visita ás noticias do blog, mentres que o 57% só pasou por este espazo dixital unha única vez.
Durante este último ano o blog experimentou unha serie de modificacións. En xullo de 2010 foi sometido a un cambio de imaxe na procura dun deseño visual máis atractivo e, ademais, realizouse unha mellor organización da información. Actualmente o blog dispón, ademais das noticias, de dous espazos con diferente tipo de información. Así, no lado esquerdo da páxina atopamos un espazo reservado á difusión de información sobre a biblioteca: horarios, servizos, catálogos e documentos. No dereito difúndense actividades e fotografías deste servizo, ademais de noticias do facebook e do canal de youtube.
O blog conta cunha páxina propia en facebook coa que se contribúe a incrementar en grande medida o número de usuarios/as do mesmo, xa que as noticias que se publican nel son difundidas tamén pola rede social. Ademais facebook é empregada para publicar outras noticias relacionadas cos libros, a lectura e a cultura. O blog da biblioteca permite tamén a posibilidade de subscrición ás noticias a través do email persoal e a sindicación da lectura destas novas a través de lectores RSS que permiten estar ao día da información que se vai publicando.
Blog para os rapaces
Este curso escolar rexistrou máis novidades. A biblioteca puxo en marcha outro blog dirixido aos rapaces e as rapazas de 8 a 12 anos que participan nos obradoiros organizados pola biblioteca. Baixo o nome de Obradoiros da Biblioteca Municipal de Ames pon en contacto a estes usuarios/as coas novas ferramentas de comunicación ao tempo que se difunden as actividades dirixidas aos rapaces e rapazas destas idades.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Más de seis mil visitas al blog de la biblioteca amiense"




