[08-06-2015] O campo municipal de Bertamiráns acolleu onte pola tarde a final do XXXIV Trofeo de fútbol Concello de Ames 2015. O Biduído SR impúxose na quenda de penaltis ao Bertamiráns FC por 3-4. O partido rematou con empate a un gol. Con este partido púxose fin ás competicións oficiais da temporada 2014-2015. O alcalde en funcións de Ames, Santiago Amor, e a concelleira en funcións de Deportes, Ana Ruso, foron os encargados de facer entrega dos trofeos ao campión e ao subcampión.
Por último, este domingo pasado, 7 de xuño, disputouse a final do XXXIV Trofeo de fútbol Concello de Ames. A final tivo lugar no campo de fútbol municipal de Bertamiráns, ás 19:00 horas, entre o Biduído SR e o Bertamiráns FC. Foi un partido moi disputado. Comezou adiantándose no marcador o Biduído SR e posteriormente empatou o Bertamiráns FC. Trala prórroga o partido rematou con empate a un gol, pero finalmente o encontro decidiuse a favor do Biduído SR na quenda de penaltis por 3-4.
O alcalde en funcións de Ames, Santiago Amor, e a concelleira en funcións de Deportes, Ana Ruso, foron os encargados de facer entrega dos trofeos ao campión e ao subcampión. Ademais entregáronse os trofeos ao porteiro menos goleado, que recaeu en Pablo Gómez Pérez do Agrón CF, e ao máximo goleador, que foi Jose Ángel Regueiro Casuso do Biduído SR.
Como cada ano, antes de finalizar a tempada, o Concello de Ames, en colaboración cos clubs de fútbol federados do concello, organizaron o Trofeo de Fútbol Concello de Ames. Este campionato xa está consolidado no municipio amesán posto que xa se levan disputadas trinta e catro edicións. Neste torneo participaron todos os equipos federados de Ames.
En total foron cinco os equipos que participaron este ano nesta competición. Os equipos do Biduído SR, Ortoño CF, Agrón FC e Bugallido FC xogaron unha fase de grupos para determinar tres dos semifinalistas. O Bertamiráns FC xa entrou directamente á seguinte fase do torneo. Deste xeito, en semifinais enfrontáronse o Biduído SR contra o Agrón CF e o Bertamiráns FC contra o Ortoño CF, clasificándose para a gran final o Biduído SR e o Bertamiráns FC.