[19-11-2011] O mellor partido da décimo terceira xornada da Preferente Autonómica Norte disputarase no campo municipal de Bertamiráns. Este domingo, 20 de novembro ás 16:15 horas, o Bertamiráns FC recibirá ao líder da categoría, a SD Compostela. Neste encontro enfróntanse dous equipos da comarca que están nun bo momento de forma. O Bertamiráns vén de golear a domicilio ao CF Dumbría por un gol a catro e atópase nunha cómoda novena posición na táboa de clasificación e a sete puntos dos postos de descenso. Mentres, a SD Compostela vén de empatar a un gol co Narón BP, segundo clasificado, e segue manténdose ao fronte da clasificación avantaxando ao terceiro clasificado, o Santa Comba CF, en nove puntos.
O Bertamiráns FC e a SD Compostela serán os protagonista do que se pode considerar o partido da xornada do vindeiro fin de semana na Preferente Autonómica Norte. Este domingo, 20 de novembro ás 16:15 horas, o equipo de Javi Touriño enfrontarase a un dos equipos históricos de Galicia, a SD Compostela, que lidera a clasificación desta categoría. Debido a importancia do rival o Bertamiráns FC declarou este partido como día do club, polo que os socios terán que pagar 4 euros. Os abonados deberán presentar o carné de socio en taquilla. O prezo das entradas para o público en xeral é de 8 euros, mentres que os menores de 18 anos entrarán ao campo de forma gratuíta.
Aínda que os obxectivos de ambos os dous equipos son diferentes, o Bertamiráns FC pelexa por manterse un ano máis na categoría e a SD Compostela intentará o ascenso á Terceira División, seguro que se pode ver un gran espectáculo no campo de fútbol municipal de Bertamiráns. Dende o club amiense animan a todos os veciños e veciñas de Ames para que acudan a este partido a animar ao seu equipo. Ademais, como soe ser habitual, moitos seareiros do Compostela achegaranse ata Bertamiráns para animar ao seu equipo. Deste xeito, agárdase que o campo municipal de Bertamiráns rexistre unha das mellores entradas da temporada.
O Bertamiráns FC encadea tres vitorias consecutivas nas últimas tres xornadas. O equipo de Javi Touriño, despois dun arranque de campionato un pouco dubitativo, está demostrando que se atopa nun gran momento de forma. Pola outra banda, a SD Compostela aínda está invicto esta temporada e non coñece a derrota. O equipo santiagués empatou tres partido e os nove restantes cóntaos por vitorias. Agardemos que poidamos ver un bo partido e o Bertamiráns FC consiga a súa cuarta vitoria consecutiva.