Pestanas principais

O Bertamiráns FC realiza unha visita á Casa do Concello onde é recibido polo alcalde de Ames e a concelleira de Deportes

Sábado, 12 de xullo de 2014

[12-07-2014] O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Deportes, María Eugenía Martín, recibiron na Casa da Concello aos membros da directiva do Bertamiráns Fútbol Club, entre os que se atopaban o seu presidente, Rafael Budiño, e o vicepresidente e director deportivo da modalidade de fútbol base do Bertamiráns FC, Alfonso Salgado, entre outros. Ademais, nesta recepción tamén participaron varios xogadores e adestradores das diferentes categorías deste club. Neste encontro o rexedor municipal e a concelleira de Deportes felicitaron ao Bertamiráns FC polos éxitos acadados nas últimas temporadas e polo seu 80 aniversario.

Éxitos deportivos
Cómpre destacar que durante a temporada que vén de rematar o Bertamiráns FC conseguiu a permanencia na Terceira División e dúas Copas do Sar ganadas polo equipo infantil e polo Bertamiráns B, que lle ganou na final ao Flavia SD por 1-0. Ademais, durante a temporada 2013-2014 o equipo de cadetes de primeira autonómica logrou o ascenso á Liga Galega e o equipo xuvenil de segunda conseguiu o ascenso á Primeira autonómica. Por último, o equipo xuvenil de segunda; o equipo infantil de primeira autonómica; o equipo benxamín de primeira autonómica; e o equipo benxamín de segunda autonómica foron campións das súas respectivas Ligas.

A temporada 2012-2013 foi unhas máis exitosas nos 80 anos deste club, xa que conseguiron o ascenso á Terceira División, por primeira vez na súa historia. Ademais, o equipo infantil de primeira autonómica logrou o ascenso á Liga Galega e o equipo infantil de segunda ascendeu á Primeira autonómica. Tamén conseguiron 7 Ligas en sete categorías diferentes (campión de primeira autonómica de prebenxamíns; campión de primeira autonómica de benxamíns; campión de segunda autonómica de benxamíns; campión de segunda autonómica de alevíns; campión de primeira autonómica de infantís; campión de segunda autonómica de infantís; e campión de segunda autonómica de cadetes).


O alcalde de Ames, Santiago Amor, felicitou tanto á directiva como aos xogadores e adestradores do Bertamiráns FC polo seu gran traballo, que se traduciu nunha gran cantidade de éxitos durante as últimas temporadas. O rexedor municipal incidiu en que “o Bertamiráns FC está realizando un gran traballo de base coas categorías inferiores”. “Quero animar á directiva a que continúe traballando igual que o fixo ata o de agora co fútbol de base porque iso permitiralle seguir obtendo grandes éxitos de cara o futuro”, rematou dicindo Santiago Amor.

Por outra banda, o alcalde de Ames, Santiago Amor, tamén felicitou ao Bertamiráns FC polo seu 80 aniversario que celebrou esta temporada. Este club desenvolveu durante os últimos meses varios actos para conmemorar esta efeméride. Algunhas destas actividades foron unha exposición que recollía fotografías e varios trofeos gañados durante os 80 anos de vida do Bertamiráns FC e unha comida conmemorativa na que se recoñeceu as achegas feitas por cinco ex-presidentes deste club.