[03-04-2014] O salón de plenos da Casa do Concello acolleu este xoves, 3 de abril, o acto de presentación dos actos conmemorativos do 80 aniversario do Bertamiráns Fútbol Club. Neste acto estiveron presentes o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, e o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño. Esta mañá deuse a coñecer a programación de actividades que compoñen os actos conmemorativos do 80 aniversario. Estes actos comezarán durante a Semana Santa coa celebración da terceira edición da Ames Cup de fútbol 8. Estas actividades rematarán o 29 de xuño.
Os actos
Este aniversario ten no seu cartel de actos as seguintes actividades deportivas:
- III Ames Cup de fútbol 8 que se levará a cabo en Semana Santa.
- Fase final de seleccións autonómicas sub. 15, masculina e feminina.
- Campus de fútbol que se realizará en xuño.
- II Torneo de fútbol 11 categoría Infantil, programado para xuño.
- III Ames Cup de Verán de fútbol 8, que se levará a cabo a finais de xuño, tendo un carácter internacional.
Ademais, haberá outro tipo de actividades culturais como a exposición “80 anos de algo máis que un club, o Bertamiráns FC é un sentimento” e a presentación do libro conmemorativo do 80 aniversario do Bertamiráns FC. Por último, o día 7 de xuño é o elixido para xuntar a toda a familia do Bertamiráns FC e gozar deste día grande e destes actos honoríficos.
O Bertamiráns FC e o Concello de Ames ofreceron esta mañá unha rolda de prensa na que se detallaron todas as actividades que van configurar os actos conmemorativos do 80 aniversario do Bertamiráns FC. Trátase dunha serie de eventos organizados desde o club amiense e que contan coa colaboración do Concello de Ames, os cales comezarán en Semana Santa e terán o punto e final o 29 de xuño.
Rafael Budiño, presidente do Bertamiráns FC, fixo un conciso repaso das distintas actividades que forman esta programación (torneos de fútbol 8, fútbol 11, as fases finais de seleccións autonómicas, exposicións e a publicación dun libro conmemorativo). Nesta intervención tampouco se quixo esquecer de todos os apoios recibidos para a realización desta festa do deporte amiense. “Quero agradecerlle ao Concello de Ames que nos permita organizar estas actividades que se enmarcan dentro dos actos conmemorativos do 80 aniversario cedendo as distintas instalacións onde se levarán a cabo as mesmas, e en especial á concelleira de Deportes, María Eugenia Martin, por todas as facilidades que nos prestou o concello”, explicou Rafael Budiño. O presidente do Bertamiráns FC tamén agradeceu o esforzo dos patrocinadores, Beirasar, Espina e Delfín, Tropic, Igrexas Mera, Tivolin, Irmáns Mallón e La Caixa.
A continuación a concelleira de Deportes, María Eugenia Martin, tomou a palabra para felicitar ao club polo seu labor e os seus éxitos. “Quero felicitar ao Bertamiráns FC por este novo aniversario, o cal converte ao club nun dos veteranos da comarca de Santiago, e en especial de Ames, ademais de ser un club modelo para toda a familia do deporte de Ames”, indicou a concelleira de Deportes. Ademais, enviou unha mensaxe de apoio para seguir a liña positiva dos últimos anos “animo ao club a seguir cumprindo anos nesta liña de traballo”.
Puxo o broche final o alcalde de Ames, Santiago Amor, que quixo “felicitar ao Bertamiráns FC polo seu 80 aniversario. Trátase dun fito histórico para os clubs do concello. Esperemos gozar dos distintos actos que se van a levar a cabo, onde destacan os eventos deportivos que organiza o Bertamiráns FC e que van dan a coñecer e promocionar o Concello de Ames”. O rexedor municipal rematou a súa intervención felicitando ao Bertamiráns FC polos resultados que esta obtendo co equipo que compite na Terceira División e na Liga Galega Infantil”.
A celebración deste 80 aniversario é un dos grandes eventos deportivos da comarca de Santiago e do Concello de Ames. Desde o Bertamiráns FC quérese asegurar que os eventos realizados sexan dunha relevancia conforme á historia do club e ao gran traballo que se realiza día a día.




