Pestanas principais

O Bertamiráns FC participou na Ginmas Cup de Portugal

Mércores, 27 de abril de 2011

[27-04-2011] O Bertamiráns FC, cos nenos nacidos en entre os anos 1.999, 2.000, 2001 e 2.002 , disputou o Torneo Ginmas Cup en Portugal durante os días 21, 22, 23 e 24 de abril. Os 88 nenos, pertencentes ás categorías inferiores do Bertamiráns FC, acudiron a este torneo baixo as ordes de Jorge López, Diego Penas, Juanma Romero, Manuel Laeo, Alex Parada e Fran Abejón. Debutaron na tarde do pasado xoves no Campus 7 de Aveiro enfrontándose a equipos portugueses e italianos, de onde trouxeron un 2º e un 3º posto de 51 equipos que participaron nas categorías sub10 e sub12.

As categorías inferiores do Bertamiráns FC disputaron a semana pasada o Torneo Ginmas Cup en Portugal. Un total de 88 nenos amienses xogaron baixo as ordes de Jorge López, Diego Penas, Juanma Romero, Manuel Laeo, Alex Parada e Fran Abejón. Os rapaces debutaron na tarde do pasado xoves no Campus 7 de Aveiro enfrontándose a equipos de Portugal e Italia. Neste torneo acadaron o 2º e 3º postos de 51 equipos que participaron nas categorías sub10 e sub12. O debut en terras lusas comezou cun enfrontamento entre o equipo sub10 B contra o Beira Mar SC, equipo da máxima división portuguesa, pero os rapaces amienses non se amedrentaron e mesmo puxeron en dificultades aos lusos. O final caeron por un meritorio 3-1 con gol de David Míguez. Despois o equipo sub9 B enfrontouse ao FC Bom Sucesso, que tras unha primeira parte moi igualada acabou levando o triunfo.

Ás 9:00 tocoulles a quenda ao resto de equipos que integraban a expedición, nun día chuvioso e a pesar dos atrasos na celebración dos partidos, o comportamento dos pequenos dentro e fóra dos terreos de xogo foi excelente, logrando vitorias os xogadores dos equipos sub12 A, ( gañaron ao AD Carregado por 3-0 e o Mirando do Curvo por 16-0). O equipo sub10 A obtivo os resultados de 4-3 fronte ao Abambres e 3-1 contra o Bom Sucesso. Os rapaces do equipo sub9 A gañaron 5-0 ao EF Laranjinhas, véndose momentos de gran fútbol, así como goleadas. Todo iso tras enfrontarse a equipos como a AC Marinhense, AC Milán (Italia), RD Agueda, EF Crescer, AD Carregado, AP Mirando de Curvo, AD Oeiras, AC Abambres, CIF, Diego Cão e EF 1º Contacto.

Ao finalizar todos os partidos da fase de clasificación, os equipos do Bertamiráns FC xa tiñan no peto a clasificación para a seguinte fase. Na segunda fase os equipos sub12 A e os sub10 A clasificáronse para as semifinais, mentres o resto de equipos pelexaron por ocupar os postos do 5 ao 10. No segundo día de competición a expedición amiense desprazouse moi cedo para ao Campus 7 para poñer fin a súa participación neste torneo, xa que ás 9:00 horas da mañá comezou a rolda final.

Comezou de forma espectacular para o Bertamiráns FC, xa que o equipo sub9 A gañoulle ao Abambres pero logo caeu fronte ao Marinhense. Seguidamente o equipo sub.10 A logrou o pase á final da súa categoría tras vencer ao AD Oeiras. Peor sorte correu co equipo sub12 A que caeu apeado da final polo RD Agueda, e o mesmo lle ocorreu ao equipo sub9 B e ao sub11 A. Pero as boas novas viñeron da man dos equipos sub10 B e do sub12 B, ambos gañaron por 3-0. Un dos mellores partidos foi o empate a tres foles do equipo sub11 B contra o EF Quintajanense, que tivo que decidirse nos penaltis. A sorte caeu ao lado luso finalmente.

Tras a mañá de tolemia deportiva, disputáronse o 3º e 4º posto da categoría sub12 A, a cal non tivo cor xa que os rapaces do Bertamiráns FC impuxéronse por un claro 4-0 ao GD Gafanha. Ás 18:30 disputouse a final da categoría sub10 A que enfrontou ao rapaces do Bertamiráns FC contra o conxunto do EF 1º Contacto de Porto. Tras unha primeira parte moi rifada e con polémica arbitral , ao non conceder un gol pantasma a favor dos amienses, o rival acabou cunha vantaxe de 1-0. A segunda parte foi de dominio alterno e os amiense chegaron a pórse 2-1, chegando a rozar o empate en dúas ocasións, pero ao final non puido ser e tocou conformarse co subcampionato.

A clasificación final dos equipos do Bertamiráns FC foi: o sub12 A, 3º posto e o sub12 B, 9º. O sub11 A conseguiu a 8º praza, e o sub11 B, a 10º. O sub10 A foi 2º, e o sub10 B 7º. Por último o equipo sub9º A foi 6º e o sub9 B, 9º.