Pestanas principais

O Bertamiráns FC organiza a fase final de seleccións locais sub 14 con motivo do seu 80 aniversario

Martes, 13 de maio de 2014

[13-05-2014] O Pazo da Peregrina acolleu hoxe pola mañá a presentación da fase final de seleccións locais sub 14, que se disputará este domingo, 18 de maio, nos campos municipais de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro. Este evento deportivo enmárcase dentro da programación de actividades que está organizando o Bertamiráns FC con motivo da celebración do seu 80 aniversario. Na presentación da fase final estiveron a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, e o delegado da Federación Galega de Fútbol en Santiago de Compostela, Enrique Fernández.

O Concello de Ames e o Bertamiráns FC organizan, de xeito conxunto coa Federación Galega de Fútbol, a fase final de seleccións locais sub 14, que se disputará este domingo, 18 de maio, nos campos municipais de fútbol de Bertamiráns e do Milladoiro. Este evento deportivo enmárcase dentro da programación de actividades que está organizando o Bertamiráns FC con motivo da celebración do seu 80 aniversario.

Este torneo de fútbol está dividido en dúas partes: mañá e tarde. As semifinais disputaranse o domingo pola mañá. Ás 10:30 horas xogaranse as semifinais das seleccións femininas sub 14. No campo municipal de fútbol de Bertamiráns enfrontarase a seleccións de Lugo contra a selección de Santiago de Compostela, mentres que a esta mesma hora, pero no campo de fútbol do Milladoiro, xogarán as seleccións de Vigo e A Coruña.

Por outra banda, ás 12:00 horas disputaranse as semifinais das seleccións masculinas sub 14. O campo municipal de fútbol de Bertamiráns acollerá a semifinal que enfrontará as seleccións de Ourense e A Coruña, mentres que no campo municipal do Milladoiro xogarase a outra semifinal, que enfrontará as seleccións de Vigo e Ferrol.

As finais xogaranse no campo de fútbol de Bertamiráns
Xa pola tarde, xogaranse as finais no campo municipal de fútbol de Bertamiráns. Ás 16:30 horas disputarase a final das seleccións femininas sub 14 e ás 18:00 horas xogarase a das seleccións masculinas sub 14. Os partidos desta competición estarán compostos de dous tempos de 40 minutos cada un, cun descanso de 10 minutos entre cada tempo.

Na presentación da fase final estiveron a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, e o delegado da Federación Galega de Fútbol en Santiago de Compostela, Enrique Fernández. A concelleira de Deportes agradeceulle á Federación Galega de Fútbol e ao Bertamiráns FC a súa colaboración neste evento deportivo que se desenvolverá no Concello de Ames.

María Eugenia Martín destacou que “dende o Concello de Ames estase apoiando o deporte feminino xa que normalmente as nenas atópanse con máis atrancos na práctica deportiva e especialmente na práctica do fútbol”. Ademais, agradeceulle ao Bertamiráns FC “o traballo que está realizando nas categorías inferiores”.

Por outra banda, o delegado da Federación Galega de Fútbol en Santiago de Compostela, Enrique Fernández, explicou que “este evento é unha continuación da fase final de seleccións sub 12, que se desenvolveu o pasado fin de semana en Santiago de Compostela” e tamén destacou o gran traballo que estás realizando os clubs amiense coas categorías de base, especialmente o Bertamiráns FC e o Milladoiro SD.

Por último, o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, agradeceu a colaboración neste torneo do Concello de Ames e da Federación Galega de Fútbol. “Para o Bertamiráns FC é un privilexio poder organizar esta fase final de seleccións sub 14. Este evento deportivo enmárcase dentro da programación de actividades que está organizando o Bertamiráns FC con motivo da celebración do seu 80 aniversario”, explicou Rafael Budiño.