[08-07-2013] O campo municipal de fútbol de Bertamiráns acolleu durante esta fin de semana a segunda edición da Ames Cup Verán nas categorías prebenxamín, benxamín e alevín. Este evento deportivo estivo organizado polo Bertamiráns FC e o Milladoiro SD, en colaboración co Concello de Ames. O torneo disputouse na modalidade de fútbol 8. Os equipos do Bertamiráns FC, o Milladoiro SD, o Atlético Fátima e o Villestro SD foron os gañadores do torneo nas diferentes categorías. O alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, e o presidente do Milladoiro SD, Vicente González, foron os encargados de facer entrega dos trofeos.

Entrega de premios
Na entrega de premios estiveron presentes o alcalde de Ames, Santiago Amor, a concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, o concelleiro de Educación, Bernardo Moar, o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, e o presidente do Milladoiro SD, Vicente González. O acto de entrega de premios tivo lugar o domingo 7 de xullo, ás 14:00 horas, no campo municipal de fútbol de Bertamiráns.
Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar os resultados das finais, os mellores xogadores do torneo por categoría, máximos goleadores e mellores porteiros do torneo.
Por outra banda, na categoría de benxamíns de primeiro ano impúxose o Milladoiro SD despois de gañarlle a final ao Bertamiráns FC por 2-1. En prebenxamíns de segundo ano tamén gañou o Milladoiro SD, tras impoñerse na final ao Vista Alegre CF por 1-0. Por último, na categoría de prebenxamíns de primeiro ano o Atlético Fátima gañoulle na final as Escolas Deportivas Santiago por 4-2.
Cómpre destacar o papel dos equipos amienses (Bertamiráns FC e Milladoiro SD) xa que gañaron a final do torneo de catro categorías. O Bertamiráns FC gañou en dúas categorías (alevín e benxamín de segundo ano), mentres que o Milladoiro SD tamén gañou outras dúas finais (benxamín de primeiro ano e prebenxamín de segundo ano). Ademais, houbo representación dalgún equipo amienses en cinco das seis finais disputadas e dúas finais estiveron protagonizadas polo Bertamiráns FC e o Milladoiro SD.
O II Torneo de fútbol base Ames Cup Verán rematou cun balance máis que satisfactorio tanto polo nivel que amosaron os equipos participantes coma polo gran número de afeccionados que pasaron polo campo municipal de Bertamiráns. O torneo comezou, cunha extraordinaria afluencia de público e deportistas, na mañá do sábado 6 de xullo, onde os equipos disputaron a fase de grupos, deixando a tarde para os cruces de eliminación directa, para ditaminar os equipos que disputarían as finais das seis categorías (alevín primeiro ano; alevín segundo ano; benxamín primeiro ano; benxamín segundo ano; prebenxamín primeiro ano; e prebenxamín segundo ano).
O campo municipal de Bertamiráns acolleu as finais da segunda edición da Ames Cup Verán. Na categoría alevíns de segundo ano gañou o Bertamiráns FC, que se impuxo na final ao Milladoiro SD por 5-1, mentres que en alevíns de primeiro ano o primeiro posto foi para o SD Villestro despois de gañarlle na final ao Milladoiro SD por 4-2. En benxamíns de segundo ano venceu o Bertamiráns FC, que gañoulle na final ao Posto do Son CD polo resultado de 5-0.





