[17-06-2013] O campo municipal de Bertamiráns acolleu onte pola tarde a final do XXXII Trofeo de fútbol Concello de Ames 2013. O Bertamiráns FC impúxose na final ao Biduído SR por 1-0. Con este partido púxose fin ás competicións oficiais da temporada 2012-2013. A concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, e o concelleiro de Xuventude e Educación, Bernardo Moar, foron os encargados de facer entrega dos trofeos ao campión e ao subcampión. O Bertamiráns FC accedeu á gran final despois de gañarlle na semifinal ao Ortoño CF, mentres que o Biduído SR gañoulle na outra semifinal ao Bugallido FC. Neste torneo participaron seis equipos amienses.
Como cada ano, antes de finalizar a tempada, o Concello de Ames, en colaboración cos clubs de fútbol federados do concello, organizaron o Trofeo de Fútbol Concello de Ames. Este campionato xa está consolidado no municipio amiense posto que xa se levan disputadas trinta e dúas edicións.
Este domingo pasado, 16 de xuño, disputouse a final do XXXII Trofeo de fútbol Concello de Ames. A final tivo lugar no campo de fútbol municipal de Bertamiráns, ás 19:00 horas, entre o Bertamiráns FC e o Biduído SR. Foi un partido moi disputado que se decidiu a vinte minutos do final. No minuto 70, Jordi marcou o gol da vitoria para o Bertamiráns FC.
Neste torneo participan todos os equipos federados de Ames. En total foron seis os equipos que participaron este ano nesta competición. Os equipos do CSD Ames, Biduído SR e Ortoño CF estiveron encadrados no grupo A, mentres que o Agrón FC, Bertamiráns FC e Bugallido FC formaron o grupo B.
Na fase de grupos cada equipo disputou dos partidos. O primeiro e segundo equipo de cada grupo clasificáronse para as semifinais. Cómpre destacar que no grupo A pasaron as semifinais o Ortoño CF con 6 puntos e o Biduído SR con 3 puntos. No grupo B clasificáronse o Bugallido FC e o Bertamiráns FC, ambos os dous con 4 puntos.
O Bertamiráns FC accedeu á gran final despois de gañarlle 3-2 ao Ortoño CF, mentres que o Biduído SR e o Bugallido FC empataron a cero goles, pero na quenda de penaltis impúxose o Biduído SR por 6-5.




