Pestanas principais

O Bertamiráns FC, EF Benfica Olivais, SD Silleda e o Milladoiro SD foron os gañadores da primeira edición da Ames Cup Verán nas categorías prebenxamín, benxamín e alevín

Venres, 06 de xullo de 2012

[06-07-2012] A fin de semana pasada realizouse o I Torneo de fútbol base Ames Cup Verán, un evento organizado polo Bertamiráns FC e o Milladoiro SD e que contou coa colaboración do Concello de Ames. Este evento celebrouse entre o 29 de xuño e o 1 de xullo no campo municipal de Bertamiráns e do Milladoiro. O torneo disputouse na modalidade de fútbol 7 para as categorías prebenxamín, benxamín e alevín. Os equipos do Bertamiráns FC, EF Benfica Olivais, SD Silleda e o Milladoiro SD foron os gañadores da primeira edición da Ames Cup Verán nas categorías prebenxamín, benxamín e alevín. Neste torneo participaron un total de 43 equipos das categorías prebenxamín, benxamín e alevín.


A primeira edición do Torneo de fútbol base Ames Cup Verán rematou cun balance máis que satisfactorio tanto polo nivel que amosaron os equipos participantes coma polo gran número de afeccionados que pasaron polo campo municipal de Bertamiráns. O torneo comezo, cunha extraordinaria afluencia de público e deportistas, na tarde do venres 29 de xuño, onde os equipos disputaron a fase de grupos ata a mañá do sábado, deixando a tarde para os cruces de eliminación directa, para ditaminar os equipos que disputarían as finais das cinco categorías.

O campo municipal de Bertamiráns acolleu as finais da primeira edición da Ames Cup Verán. Estes partidos comezaron ás 10:00 h coa final da categoría de alevíns de segundo ano que enfrontou ao Bertamiráns FC co CD Conxo. O resultado final foi de 3-1 para o Bertamiráns FC proclamándose campión nesta categoría. A continuación xogouse a final da categoría alevín de primeiro ano entre o EF Benfica Olivais e a SD Silleda, que rematou co resultado de 5-3 para os portugueses.

De seguido, disputouse a final da categoría de benxamíns de segundo ano. Esta final xogouse entre o Bertamiráns FC e a ADE Inmaculada co resultado de 3-1 para os rapaces amienses. A seguinte final en xogarse foi a da categoría de benxamíns de primeiro ano. Esta partido disputouse entre a SR Calo e a SD Silleda e rematou co resultado de empate a tres goles. A final tívose que resolver a penaltis e a sorte decantouse de parte da SD Silleda. A última final en disputarse foi a da categoría de prebenxamíns que enfrontou aos dous equipos locais do Milladoiro SD e o Bertamiráns FC. Foi un partido moi igualado que rematou gañando o Milladoiro por dous goles a un.


Cómpre destacar o papel dos equipos amienses xa que o Bertamiráns FC logrou o título de campión nas categorías de alevíns de segundo ano e de benxamíns de segundo ano, mentres que o Milladoiro SD adxudicouse o título na categoría de prebenxamíns.

Na entrega de premios estiveron presentes o presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, o presidente do Milladoiro SD, Cristian Aldax, así como o alcalde de Ames, Santiago Amor, o concelleiro de Persoal, Reforma Administrativa, Servizos e Urbanismo, Ramón García Argibay, o concelleiro de Deportes, Tempo Libre e Voluntariado, Manuel Ferreiro, e o concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación, Bernardo Moar.

Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás consultar todos os resultados das finais, finais de consolación, os mellores xogadores, máximos goleadores e mellores porteiros do torneo.