Pestanas principais

O Bertamiráns FC e o Real Club Deportivo de A Coruña suman forzas coa firma dun convenio de colaboración entre ambos clubs

Xoves, 26 de novembro de 2015

[26-11-2015] As instalacións Mundo Fútbol de Abegondo recibiron ao presidente do club aurinegro e do alcalde de Ames, José Miñones, este mércores 25 de novembro. A calidade da canteira amesá chamou hai tempo a atención do club herculino, que conta con varios xogadores procedentes do Bertamiráns FC nas súas categorías de base.

O presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, xunto co homólogo do RC Deportivo de la Coruña, Tino Fernández, nas instalacións do Mundo Fútbol, en Abegondo, asinaron o convenio de colaboración entre ambas entidades. A este acto tamén asistiu o alcalde de Ames, José Miñones.

O bo traballo dos xogadores do Bertamiráns FC non lle pasou desapercibido ao RC Deportivo. O vindeiro mércores, 2 de decembro, na Casa do Concello de Ames afondarase nos distintos apartados do convenio. Os clubs buscan intercambiar experiencias en canto a metodoloxías das secretarías técnicas de fútbol base, así como examinar futuras incorporacións. O presidente do Bertamiráns FC, Rafael Budiño, sinalou que este é un gran aliciente para os 400 xogadores de distintas categorías que xogan no club aurinegro.